Abertas as inscricións da segunda edición do Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal

martes, 25 de outubro do 2022 S. P.

A axencia AMTEGA confirmou este luns 24 a apertura do prazo para inscribirnos na segunda edición do Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que se celebrará os días día 9 e 10 de novembro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Será unha oportunidade para afondar na importancia de conseguir unha sociedade dixital segura e protexida e de mergullarnos nos métodos máis axeitados para contribuír a este importante reto.
O encontro artellarase en dúas xornadas e nun completo programa de actividades e de relatorios con especialistas referentes nunha materia, a salvagarda da información e das comunicacións, que atinxe a todos os niveis da sociedade. Por esta razón, a segunda edición de CIBER.gal, organizada polo Nodo Ciber.gal, concibiuse como un evento accesible, participativo e aberto á sociedade: familias, sector educativo, menores, educadores, colectivo sénior, profesionais de todos os sectores, con actividades para cada perfil.
As persoas interesadas en participar poderán inscribirse online ata o día 8 de novembro tendo en conta que a asistencia presencial está limitada ao aforo do espazo. Ademais, poderán optar por inscribirse nun ou máis bloques de actividades, segundo as súas preferencias ou intereses.
A mañá da primeira xornada centrarase nos retos da ciberseguridade nas administracións públicas mentres que durante a tarde o público obxectivo será obxectivo será o tecido empresarial. A segunda xornada está orientada á cidadanía e afondará na importancia da formación e retención de talento no ámbito da ciberseguridade.

De interese para a cidadanía

Segundo explica AMTEGA, “esta edición acollerá de novo actividades que resulten de interese tanto para a cidadanía, como para o tecido empresarial e as administracións públicas, co fin de sensibilizar a todos os niveis da importancia de prestar atención á detección e prevención de posibles ameazas no mundo dixital”. Engade a axencia que o feito de que o encontro se celebre este ano, neste intre en concreto, “resulta especialmente importante, pois o panorama actual da ciberdelincuencia a nivel global e tamén na comunidade galega mostra a consolidación dunha tendencia ascendente e ameazas de delitos a través de medios telemáticos, nun progreso que se acrecentou tras a pandemia da COVID”. De feito, aclaran, as cifras revelan que no ano 2021, en Galicia coñecéronse case 20.000 estafas cometidas a través de medios telemáticos, e 1 de cada 4 delitos no pasado ano xa se corresponden con estafas informáticas. Este tipo de estafas subiron un 53,6% en Galicia o pasado ano.

Cousas que debemos saber do congreso

-Sorteos e premios entre os asistentes presenciais.
-Actividades para todos os colectivos (é un encontro destinado a toda a sociedade, non só ao ámbito profesional da ciberseguridade).
-Inclúe a celebración do segundo concurso de escolares Ciberseguridade no cole!, que contaba a comezos de outubro xa con preto de 100 inscricións.
-O programa incorpora un concurso para perfís especializados con grandes premios onde os participantes deber poñer a proba os seus coñecementos e habilidades en ciberseguridade (Capture The Flag).
-Unha parte do programa envorcarase no colectivo sénior, achegando aos maiores propostas específicas para eles de cara a facilitar o seu apoderamento no emprego de tecnoloxías dixitais.
-A axenda inclúe obradoiros que afondarán na análise da manipulación de imaxes.
-Contarase cunha representación teatral que versará sobre o acoso nas redes sociais. Participa a Escola Superior de Arte Dramático de Galicia.
-O encontro conta co apoio patrocinador de entidades pertencentes ao Nodo e tamén outras non vinculadas a este ecosistema pero que apoian a realización do evento “como mostra de compromiso coa importancia da ciberseguridade a todos os niveis no día a día”.
-A axenda incorpora unha sesión de hacking en directo a cargo de Enrique Serrano Aparicio.
-Está programado un Escape Room Virtual de ciberseguridade o día previo ao evento.

Programa de actividades

Día 8 de novembro
18.00 h Escape Room de Ciberseguridade (colabora a Deputación de Ourense)
Día 9 de novembro
10.00 h Benvida institucional (AMTEGA, FEGAMP, INCIBE e Centro Criptolóxico Nacional)
10.25 A aposta da Xunta pola ciberseguridade. Adrián Lence, director de Infraestruturas e Seguridade da AMTEGA.
10.50 Nova normativa nacional da ciberseguridade. Javier Candau, xefe do Departamento de Ciberseguridade do Centro Criptolóxico Nacional.
11.15 Ciberseguridade: colaboracións e sinerxías entre a Administración galega. Modera Alfredo Díez, director de Cipherhit (Grupo Oesía) e interveñen Gustavo Herva, xefe da Subárea de Seguridade da AMTEGA, Raúl Fernández, responsable TIC da FEGAMP, Miguel Lorenzo, responsable da Seguridade da Información da Deputación da Coruña e Fernando Suárez, director de Transparencia da Deputación de Ourense.
11.50 Café
12.30 O modelo valenciano de ciberseguridade. Carmen Serrano, subdirectora xeral de Ciberseguridade da Comunidade Valenciana.
12.45 Medidas do Estado para garantir a seguridade na Administración. Miguel Ángel Amutio, director de Coordinación de Ciberseguridade da Secretaría Xeral de Administración Dixital.
13.10 Galicia á vangarda da I+i en ciberseguridade. Modera Rosa Seoane, xerente de Innovación en Abanca. Interveñen Luis Pérez, director xeral de Gradiant, Ana Fernández, profesora titular da UVigo (Telecomunicacións, Centro AtllantTIC), José Julio Fernández, director do Centro de Estudos de Seguridade da USC e Víctor Carneiro, profesor titular da Universidade da Coruña.
13.40 Da ciberseguridade á ciberresiliencia. Un novo comezo. Ramsés Gallego, responsable de tecnoloxía internacional en CyberRes.
16.00 Iniciativas públicas nacionais como apoio á industria da ciberseguridade. Miguel Ángel Cañada, responsable de Relacións Institucionais e Estratexia do Instituto Nacional de Ciberseguridade.
16.25 Ciberresiliencia: consideracións para CISOS. Os retos do CISO na transformación dixital. Modera Antonio Fernandes, hacker e responsable de ciberseguridade en FINSA, interveñen Carlos Pérez, CISO de Abanca, Víctor Valiño, xefe TI en Kusilas e Iago Martínez, xerente de Edigal.
17.00 Diagnóstico: o nivel de madureza en ciberseguridade nas empresas. Modera Daniel García, director xeral de ISMS Forum Spain. Interveñen Óscar Sánchez, membro do board do ISMS Forum e CISO do Grupo Puig, Belén Rodríguez, coordinadora do Centro de Ciberseguridade Industrial de Galicia, Irene Bonome, xefa do Sociedade e Talento Dixital da Área de Sociedade Dixital da AMTEGA, e Luis Fernández, editor da Revista SIC
17.25 Ciberdelincuencia: tendencias delitivas no 2022 que están afectando ao sector privado. Representantes do Corpo Nacional de Policía.
17.50 Ciberseguridade en Intelixencia Artificial. Modera Susana Rey, responsable de Privacidade en R (Cátedra R en Ciberseguridade).
18.25 A ciberseguridade no Metaverso. Yaiza Rubio, responsable de Metaverso en Telefónica.
Actividades complementarias: Obradoiro de análise forense de imaxes (a partir das 16.00 horas, patrocinado por Cátedra R en Ciberseguridade) e Concurso Capture The Flag (a partir das 16.00 horas, patrocinan Gradiant e Cátedra R en Ciberseguridade).
Día 10 de novembro
10.00 II Edición do concurso Ciberseguridade no cole!. Patrocina Telefónica. Presenta Esther Estévez, xornalista, colaboradora e presentadora da CRTVG.
11.00 Representación teatral de ciberseguridade. O acoso a través das redes sociais. Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
11.30 Eu non son o obxectivo, ou si? Hacking en directo. Con Enrique Serrano Aparicio. Fundador e director executivo en Hardrocks, Business Insider 23 Under 35 2019, relator internacional e participante nas charlas TEDx.
12.15 Café
12.45 O mercado laboral da ciberseguridade: talento, formación e oportunidades de éxito profesional. Modera NTT Data. Interveñen Ana Salazar, responsable de ciberseguridade en Hijos de Rivera, Rubén Manso, director rexional de Randstad Galicia, Helena Castro, hacker e técnica en ciberseguridade en Dooing IT e Álex Otero, enxeñeiro backend en Emetel.
13.20 Entrega de premios da Cátedra R en Ciberseguridade.
13.30 Entrega de premios do concurso Capture The Flag.
13.35 Entrega do premio gañador do Escape Room virtual de ciberseguridade.
13.40 E o premio ao máis ciberseguro é para...
13.50 Despedida institucional e clausura (AMTEGA, UDC, UVigo e USC).
16.00 Espazos técnicos de exposicións (con estudantes especializados en ciberseguridade, profesionais noveles na materia e outros relatores vencellados nun mesmo escenario onde serán expostos proxectos, traballos e ideas sobre protección tecnolóxica).
Actividades simultáneas: ás 11.15 Conecta Sénior (patrocinada por Telefónica, consiste nunha acción para concienciar aos maiores sobre a importancia de levar a cabo navegacións seguras).