Abanca achéganos cunha nova app ás ofertas do comercio de proximidade

luns, 20 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Abanca vén de ampliar cunha aplicación móbil o abano de servizos comerciais para os clientes, poñendo en foco, desta volta, en impulsar o comercio de proximidade: os locais a pé de rúa. A principal funcionalidade da ferramenta é que permite acceder a ofertas exclusivas deste tipo de establecementos. A aplicación móbil, que forma parte de Alavuelta (o servizo dixital de análise de datos a gran escala -Big Data-, venta online e mercadotecnia para comercios de Abanca), poranos no noso dispositivo información sobre ofertas que poden ser do noso interese, ao tempo que nos conta o que acontece en negocios e restaurantes que encaixan cos nosos gustos.
O servizo estará a disposición de clientes e non clientes da entidade financeira. “O obxectivo desta app é conectar a comercios e clientes para que se poidan relacionar coas mesmas funcionalidades que usan as grandes plataformas tecnolóxicas”, sinala ABANCA, engadindo que o miolo da ferramenta é tirar proveito das técnicas de Intelixencia Artificial para ofrecer aos cidadáns “unha app totalmente personalizada e adaptada aos seus gustos e intereses para que vivan o mellor das experiencias que ofrece o comercio local coas facilidades que aporta o mundo dixital”, explica Juanjo García Serrano, xerente de Intelixencia de Clientes de Abanca.
Con máis de 250 comunicacións e plans de fidelización activos, a app xa se pode descargar nas tendas de Android e iOS.

PUBLICIDADE