Abalar chegará o vindeiro curso a preto de 45.000 alumnos
mércores, 6 de xuño do 2012
O Proxecto Abalar, dirixido a
favorecer a inclusión das ferramentas dixitais na nosa educación (facendo
fincapé no software libre), vai seguir amplificando incidencia e afianzándose
nos centros nos que xa foi implantando e máis nos espazos aos que aínda non
chegou. Así
nolo contou este mércores, en rolda de prensa, a directora Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e máis o
conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez. A nivel de cifras e datos
concretos, informaron, o proxecto implicará o vindeiro curso a máis de 44.000
alumnas e alumnos de 535 centros escolares, dos que 165 incorporaranse a partir
do mes de setembro.
Durante a rolda de prensa, convocada para
informar das últimas novidades ligadas ao devandito plan, aproveitouse a ocasión
para dar conta do acadado a través do convenio con Red.es, de xeito paralelo ao
desenvolvemento de Abalar, que permitiu instalar 782 kits de aula dixital en
645 colexios que non forman parte do devandito proxecto, e que beneficia a
outros 15.000 estudantes.
- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou en rolda de prensa os últimos datos do Proxecto Abalar
Volvendo a Abalar, dicir que durante a cita
cos medios deste mércores fíxose fincapé no labor que está a desenvolver o
profesorado galego no afianzamento e amplificación do plan, xa que é sobre
eles, en boa medida, sobre os que recae este proceso. Para apoialos, a
consellería “vai continuar apostando pola
formación do profesorado como unha das claves fundamentais do éxito do Abalar”.
Deste xeito, informouse, “para os
vindeiros meses programaranse 97 cursos de formación, o que suporá 2.975 horas
de formación para 2.000 docentes e 230 coordinadores Abalar”. Indicar a
maiores que nos dous anos de implantación do proxecto téñense impartido xa
26.461 horas e 697 actividades de formación, das que se beneficiaron 12.234
docentes e coordinadores.
No encontro cos medios tamén se procedeu a
salientar o potencial de Redeiras, unha iniciativa posta en marcha hai dous
meses como unha rede social “para
favorecer a intercomunicación entre o profesorado galego, co fin de fomentar o
traballo colaborativo e o intercambio de experiencias como complemento á súa
práctica educativa”. E engadiuse, ao fío do devandito: “Redeiras xa conta con preto de 5.500
usuarios rexistrados, e máis de 150 grupos activos, cunha importante
actividade, que se reflicte nos vídeos e ficheiros subidos a rede, as entradas de
blogs, marcadores e envío o muro, así como as mensaxes intercambiadas entre usuarios”.