ASUS presenta un potente ordenador orientado aos videoxogos

venres, 11 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Agora que van chegar ao mercado os procesadores Intel Core de sexta xeración é a hora de que os ordenadores orientados aos videoxogos se actualicen, e ASUS Republic of Gamers (ROG), división especializada nesa gama de produtos dentro da compañía de Taipei, anunciou o seu novo equipo, o ROG G20CB, que aparte dun dos novos procesadores Intel Core i7 incorpora unha gráfica nVIDIA GeForce GTX (até unha 980 con 4 GB de GDDR5) dentro cun chasis (de só 9,5 litros de capacidade) cun deseño moi agresivo, cun acabado en negro mate, marcas inspiradas nos maias e efectos LED de cores personalizables.
Este novo equipo, que espérase que chegue ás tendas no mes de novembro a un prezo lixeiramente superior os 2.000 euros, é capaz de mover os últimos videoxogos con grande nivel de detalle a ultra alta definición, sendo incluso capaz de soportar até tres televisores de alta definición mediante DisplayPort, aos que poder sumar unha cuarta pantalla a través de HDMI.
Os usuarios poden configurar o equipo con distintas opcións, entres as que non faltan as unidades SSD, que poderán aproveitarse ao máximo (podendo chegar a velocidades de acceso de até 2 Gbps) e tamén consegue un magnífico rendemento ao incorporar DDR4 (que iría ao dobre que as actuais DDR3 de 1066). E toda esta potencia interior está coidada mediante un sistema de refrixeración moi eficiente que consegue que o ordenador opere cun nivel de ruído medio inferior a 22 dB, o que considérase que é un ambiente máis silencioso que o dunha biblioteca.
Ao equipo non lle falta Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, teclado retroiluminado optimizado para xogos e reprodución multimedia e opción de unidade óptica (dende unha gravadora de DVD a unha de Blu-ray). Un ordenador realmente compacto que destaca pola súa estética, que consegue que case poida pasar por unha consola de videoxogos de última xeración, aínda que neste caso a súa potencia é moi superior, de xeito que, en vez de aspirar a conseguir uns gráficos FullHD xa apunta ao 4K.

PUBLICIDADE