ARTAI mostrou nun webinar as claves dunha dixitalización segura

venres, 10 de xullo do 2020 S. P.

ARTAI, compañía de seguros con sede principal en Vigo, achegou este xoves 9 de xullo as claves dunha dixitalización segura neste contexto de economía e sociedade postCOVID, onde segue a estar vixente (máis ca nunca) a necesidade de transformar os nosos negocios para adaptalos á nova realidade de mercado globais, teletraballo, mercadotecnia dixital e servizos cloud. As claves foron subministradas no transcurso dun webinar organizado pola Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña (AEGA-CAT).
Por parte de ARTAI, interviñeron no encontro o director rexional da correduría en Cataluña, Salvador Claramunt, e o director de Tecnoloxía e Organización, David Peláez, que trataron o impacto da dixitalización das empresas a causa do COVID-19 e mostraron diferentes ferramentas da empresa para favorecer a adaptación á contorna tecnolóxica (como a plataforma ARTAI Connect, un portal onde o cliente pode consultar en tempo real a información referente aos seus programas de seguros), e para a protección fronte a vulnerabilidades e ameazas de ciberseguridade, como a plataforma ciber-seguro.es, especialmente deseñada para a avaliación de riscos en pemes.
O director rexional de ARTAI en Cataluña, Salvador Claramunt, explicou que “a dixitalización veu para quedar e debemos entendela como unha oportunidade para a mellora da competitividade, así como unha forma de personalización e adaptación de face ao cliente e ás súas novas demandas e expectativas”. Claramunt tamén salientou que “é importante pór en valor o contacto dixital fronte á experiencia física, para poder promover tamén a sustentabilidade”.

PUBLICIDADE