ARCHOS anuncia os seus novos tablets con Android

mércores, 14 de marzo do 2012 Marcus Fernández

O ARCHOS G10 XS será a grande aposta do fabricante francés para destacar no competitivo mercado dos tablets

O fabricante francés ARCHOS, líder en vendas de tablets económicos en Europa, vén de presentar en París os seus novos tablets con Android, que van a dividirse en 2 grandes familias.
Por unha banda teremos sucesor da actual xeración de tablets (recentemente actualizada a Android 4.0.3) que sería o ARCHOS G10 XS, que cun grosor de só 7,6 milímetros (1,8 milímetros máis delgado que o novo iPad) e a posibilidade de empregar un teclado externo como base (e que sumado ao tablet terían un grosor de só 11 milímetros), que inaugurará a xeración 10 dos tablet de ARCHOS a prezos que estarán entre os 200 e os 400 euros. O seu lanzamento realizarase no mes de xuño.

Os ARCHOS Elements chegarán en 3 tamaños de pantalla distintos

Nunha liña máis económica estará a nova gama ARCHOS Elements, que con tamaños de 7, 8 e 10 polgadas chegará a prezos de 129, 149 e 199 euros respectivamente, ou sexa, que buscarán reforzar a presenza deste fabricante entre os tablets a prezos axustados, consolidándose como unha alternativa cada vez máis sólida a trebellos que custan máis do dobre.
Todos estes tablets estarán certificados por Google (ou sexa, terán acceso a Google Play) e é de agardar que funcionen con Android 4.0. Paralelamente ARCHOS tamén conservará a súa marca Arnova para tablets con prezos de entre 50 e 150 euros.

A familia de tablets de ARCHOS medrará considerablemente durante 2012


Vídeo promocional do futuro ARCHOS G10 XS

PUBLICIDADE