APROEMA celebra en Vigo un Seminario sobre Redes sociais e empresa

luns, 7 de novembro do 2011 Raquel Noya

A Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia (APROEMA), que ten como obxectivo promover unha xestión empresarial comprometida co medio ambiente e co ecosistema nas empresas galegas, vén de atoparlle utilidade ás TIC para este tipo de actividades, e no marco dunhas xornadas de difusión tecnolóxica que organizou por todo o país, vai celebrar en Vigo un seminario sobre redes sociais e empresa.
O evento terá lugar o vindeiro 10 de novembro nas instalacións da Academia Postal de Vigo, e nel, a relatora Arancha Pérez Vilas, formará ás persoas asistentes no uso das redes sociais para potenciar o coñecemento das empresas e comercios en Internet.
Segundo os seus organizadores, este seminario “facilitará ás empresas o seu desenvolvemento dentro do mercado das TIC para ser innovadoras nos procesos de xestión, porén tamén nos de venda e márketing”.
O seminario ten unha duración de cinco horas e dispón dun total de 25 prazas.

PUBLICIDADE