AOC presenta un monitor ultra panorámico curvo de 35 polgadas para gamers

mércores, 9 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Pensando nos xogadores de PC e na proximidade do Nadal dende AOC veñen de anunciar o seu monitor AG352QCX, que sairá á venda o mes que vén por 799 euros e que consiste nun inmenso panel curvo de 35 polgadas en formato ultra panorámico (21:9) que busca conseguir unha grande sensación de inmersión.
Este monitor conta con Adaptive-Sync e unha velocidade de refresco de 200 Hz, buscando conseguir unha experiencia de xogo máis fluída, dicindo adeus a moitos dos defectos gráficos que presentan moitas pantallas económicas. Tamén integra as tecnoloxías AOC Flicker-Free (para evitar os pestanexos da imaxe) e Low Blue Light, de xeito que prometen unha menor fatiga visual tras horas de xogo.
O AOC AG352QCX conta con portos D-sub, DVI, HDMI, MHL, DisplayPort e incluso USB de carga rápida, e o principal detalle que podería criticárselle neste tamaño de pantalla é que limita a súa resolución a 2.560 x 1.080 píxeles, que supón unha densidade de píxeles máis propia dun televisor que dun monitor.

PUBLICIDADE