AMTEGA publica a listaxe das case 500 persoas que realizarán as probas do CODIX

martes, 25 de abril do 2017 Redacción

Xa está publicada a listaxe definitiva das 473 persoas inscritas para o desenvolvemento das probas precisas para a Certificación Galega en Competencias Dixitais en Ofimática (CODIX). Esta convocatoria está orientada a “aquelas persoas que xa posúen os coñecementos necesarios das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo MF0233_2 Ofimática baixo o paquete de LibreOffice”. AMTEGA fixo públicas na web do CeMIT as datas de exame asignada para cada persoa, amais da localización e a hora da proba, así como as instrucións para a realización das probas.
As probas celebraranse o mércores, xoves e venres desta semana (días 26, 27 e 28 de abril) nas aulas CeMIT dos seguintes 36 concellos: Abegondo, Ames, Arzúa, Boiro, Brión, Coruña, A, Fisterra, Oroso, Padrón, Pontedeume, Pontes, As, Santa Comba, Santiago de Compostela e Vimianzo na provincia de A Coruña ;Barreiros, Carballedo, Fonsagrada, A, Sarria e O Vicedo na provincia de Lugo; Bande, O Barco, A Cañiza, Celanova, Leiro, Ourense e Xunqueira de Ambía na provincia de Ourense; e Campolameiro, Castro Caldelas, Cuntis, Lalín, Marín, Pontevedra, Tomiño, Valga e Vigo na provincia de Pontevedra.
AMTEGA, amais dos ditos datos, publicou tamén información relevante sobre as demandantes. En canto ao seu perfil, a media de idade é de 37,5 anos; a maioría son mulleres, (328 mulleres e 147 homes); o 55% ten estudos superiores (151 licenciados e 110 diplomados) e un 32% Bacharelato ou FP-II; e o 94% dispón de computador e acceso a Internet no seu fogar. Ademais, “por primeira vez nesta edición”, as persoas solicitantes de emprego ou cunha discapacidade igual ou superior ao 33% gozan de exención no pagamento das taxas de exame. Das 475 persoas matriculadas, 105 son demandantes de emprego e 40 persoas con discapacidade.

PUBLICIDADE