AMTEGA libera como software libre a plataforma Apunta
luns, 6 de outubro do 2025
A Xunta vén de publicar a plataforma web Apunta como software libre, co obxectivo de permitir a súa reutilización sen cancelas. Trátase dunha ferramenta, desenvolvida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) que facilita que os cidadáns poidan inscribirse en actividades organizadas pola Administración autonómica e as súas entidades públicas instrumentais, así como enviarlles determinadas comunicacións.
Apunta permite ademais a publicación rápida de formularios web que se poden completar sen necesidade de usar mecanismos de autenticación persoal, e “todo isto sen facer uso de ferramentas de formularios doutras compañías tecnolóxicas, de xeito que os datos introducidos están sempre baixo o control de quen instala e administra cada versión de Apunta”, lembra AMTEGA.
O proxecto foi construído a partir de Drupal, unha ferramenta de xestión de contido modular e de código aberto. O uso desta tecnoloxía demostra que o software libre se pode empregar para a elaboración de aplicacións profesionais en contornos de alta utilización, garantindo calidade e fiabilidade. “Ademais, esta aposta polo software libre supón unha racionalización do gasto público”, salientou a axencia autonómica.
O código de Apunta publícase cunha dobre licenza: a EUPL (European Union Public License) e a AGPL (Affero General Public License).
A licenza AGPL garante que calquera reutilización do código seguirá sendo libre, en consonancia co ecosistema de Drupal que se rexe pola licenza GPL.
A licenza EUPL, pola súa banda, garante unha maior protección legal ao estar adaptada ao contexto normativo europeo, cumprindo así coas recomendacións en materia de reutilización no eido da administración pública.
Esta liberación únese á lista de aplicacións que foron desenvolvidas pola Xunta de Galicia para resolver diferentes necesidades e que, a través do Plan Anual de Software Libre, vanse publicando como software libre coa finalidade de que poidan ser reutilizadas por outras administracións ou calquera outra entidade ou particular a quen poida resultar útil.
Como dixemos, a liberación de Apunta enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia e contou coa participación da Oficina de Software Libre da AMTEGA, que elaborou un informe técnico que garante a viabilidade xurídica da liberación e as condicións nas que se pode realizar.
Dende que no ano 2010 a Xunta puxera en marcha, por primeira vez en Galicia, un plan específico orientado ao fomento do software libre, na comunidade téñense conseguido importantes avances na súa adopción e no seu uso nos diversos ámbitos da nosa sociedade.
Os eixos principais de actuación para o fomento de solucións tecnolóxicas baseadas en software libre teñen como obxectivos o fortalecemento do sector empresarial galego, o achegamento dos programas non privativos ao conxunto da sociedade e o fomento da reutilización do software na administración pública.
