AMTEGA lanza sete retos blockchain ao sector tecnolóxico

mércores, 10 de xullo do 2019 Redacción

Este 10 de xullo celebrouse na Cidade da Cultura unha xornada sobre os desafíos e posibilidades que abre a tecnoloxía da cadea de bloques (Blockchain) para unha manchea de sectores e ámbitos de actividade. Na cita, que veu da man da axencia AMTEGA e Alastria, anunciouse o lanzamento de varios retos para aplicar a devandita tecnoloxía nos eidos da eAdministración, o turismo e a rastrexabilidade alimentaria. Estas propostas foron presentadas na inauguración pola directora da axencia autonómica, Mar Pereira, e a presidenta de Alastria, María Parga.
Son un total de sete propostas coas que a Administración autonómica busca “mellorar a transparencia e a automatización en cuestións relativas á identificación dixital, a procesos ligados á carpeta cidadá, á interoperabilidade ou á acreditación das competencias dixitais”. Os retos, como dixemos, tamén abranguen o sector turístico, en concreto co Camiño de Santiago, “para asegurar a identidade e mellorar a captación de visitantes e garantir o regreso de viaxeiros que xa nos visitaran previamente”. O terceiro ámbito é o da rastrexabilidade alimentaria: trátase de solucionar con tecnoloxía Blockchain os seus principais atrancos de operatividade.
As empresas do sector interesadas no devandito teñen desde hoxe e ata o 30 de setembro para presentar as súas propostas iniciais. A partir desa data e ata finais de ano abrirase un período de reflexión ata definir a solución más axeitada a cada caso.
A directora da AMTEGA, Mar Pereira, que inaugurou o encontro xunto coa presidenta de Alastria, María Parga, salientou que “o posicionamento de Galicia nas tecnoloxías que marcan un antes e un despois é un dos obxectivos da Estratexia Dixital 2030, que está en proceso de elaboración neste momento”. Pereira sinalou que esta folla de ruta para a vindeira década pivotará sobre o potencial transformador das tecnoloxías innovadoras, e por iso desde a Administración quérese reforzar as capacidades de Galicia nas novas redes de alta capacidade, na análise intelixente dos datos, na Intelixencia Artificial, ou na ciberseguridade.
A xornada de hoxe enmárcase nas actuacións previstas no convenio de colaboración asinado o pasado mes de marzo pola AMTEGA e Alastria, para aplicar a tecnoloxía de cadea de bloques a sectores estratéxicos. No encontro presentáronse exemplos da aplicación de Blockchain no sector bancario como o de Abanca e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescado e Marisco (ANFACO).

PUBLICIDADE