AMTEGA habilitará en 2020 a nova plataforma Xesbío para a xestión dixital da biomasa

luns, 7 de outubro do 2019 Redacción

O vindeiro ano a Xunta porá en marcha unha nova ferramenta tecnolóxica para facer posíbel a xestión dixital da biomasa nas faixas secundarias. Trátase da nova plataforma Xesbío, destinada (tamén) a permitir o seguimento e rastrexabilidade das actuacións de todas as partes implicadas (as administracións autonómica e locais e as entidades que levan a cabo os labores subsidiarios), a análise da xestión e máis a automatización das notificacións.
A plataforma, que está a día de hoxe en fase de licitación, vén a substituír e ampliar á ferramenta actual, posta en marcha para facilitar aos concellos o seguimento online das parcelas que integran as faixas secundarias do seu territorio.
A nova plataforma Xesbío xestionará de xeito integral as actuacións que leva a cabo a Administración directa e subsidiariamente; a organización e a execución das cortas, cando estas se teñan que producir; así como o estado das tramitacións e xestións que se teñen realizado sobre as parcelas afectadas.
Por outra banda, AMTEGA sinalou que está a estudar a posibilidade de desenvolver e incorporar á plataforma Xesbío, unha aplicación para dispositivos móbiles que operará como ferramenta de apoio para axilizar o traballo de campo que deben realizar os diferentes perfís implicados e que abranguen desde o rexistro da información de campo asociada, a consulta da mesma, ou o apoio en tarefas de información xeográfica e histórica.
A axencia lembra que a día de hoxe os municipios adheridos a esta iniciativa teñen a súa disposición a aplicación Xesbío, “unha ferramenta temporal que lles permite coñecer as parcelas que hai nas faixas secundarias do seu territorio e xestionar a comunicación cos respectivos titulares dunha forma máis áxil e sinxela que se o proceso se tivese que facer en papel”.

PUBLICIDADE