AMTEGA fornece 110 actividades de impulso ás tecnoloxías abertas
luns, 22 de maio do 2017
Até un total de 110 iniciativas destinadas a
impulsar os programas abertos en tódolos recantos da nosa terra e a
ámbalas beiras da raia que delimita o público e o privado, a
cidadanía e os entes públicos, o tecido produtivo e o tecido
administrativo. Este
podería ser o resumo do Plan de Acción Software Libre que vén de
aprobar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
(AMTEGA), un plan que se vai desenvolver en colaboración cos
“principais axentes do sector a través de acordos de colaboración”
que se apoia nos seguintes piares conceptuais: reutilizar,
dixitalizar e divulgar. Dito doutra maneira: trátase de fomentar a
sustentabilidade do software nas administracións (reutilizando), de
capacitar ás nosas empresas con solucións libres e de calidade e de
amosar ante a cidadanía as vantaxes e implicacións dos programas
abertos.
Como dixemos, o plan levarase a cabo a través de
convenios de cooperación. Estes acordos, explica AMTEGA, veñen de
ser renovados cunha dotación conxunta de 125.000 euros e abranguen
as seguintes entidades: a Asociación Galega de Empresas de Software
Libre (AGASOL), o Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións
Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado
polas tres universidades galegas, e as oito Asociacións Galegas de
Usuarios de Software Libre (AGUSL), Bricolabs, GALPon, Ghandalf,
GPUL, Melisa. Os acordos asinados, explica a axencia que dirixe Mar
Pereira, permitirán a realización dun total de 38 actuacións das
110 do Plan 2017, que inclúen dende a tradución de software libre,
a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o fomento dos
programas de fonte aberta en proxectos de cooperación ou
solidariedade social ou a formación en materia open source
nas universidades.
No ámbito público, o Plan de Software Libre 2017
promoverá o emprego de tecnoloxías abertas “en proxectos de
calado para a Administración”, como o nodo de interoperabilidade
das administracións públicas galegas (PasaXe), o proxecto Abalar, a
migración do sistema de xestión bibliotecaria, etc. Así mesmo,
engade AMTEGA, ceibaranse dous novos proxectos desenvolvidos pola
Administración pública galega a fin de facilitar a súa
reutilización por outras institucións e entidades.
No ámbito empresarial, as actuacións irán
dirixidas a promover o uso de solucións libres de calidade que
permitan ás nosas empresas mellorar en eficacia e competitividade.
Novamente o Centro Demostrador TIC o eixe arredor do que pivoten
estas iniciativas, fomentando sesións demostradoras de software
libre e, tamén, incorporando, dúas novas solucións open source
ao CDTIC Virtual, como son a solución de comercio electrónico
Wordpress-Woocomerce e o sistema de seguimento e seguridade Zabbix.
Para rematar, entre as actuacións dirixidas á
cidadanía en xeral, a axencia salienta que se seguirán potenciando
as tecnoloxías abertas dentro dos programas de alfabetización e
capacitación dixitais da rede CeMIT así como no resto de
iniciativas recollidas no Plan de Inclusión Dixital de Galicia.
A maiores, convocarase a décima edición do
Premio ao mellor traballo universitario de fin de grado con Software
Libre en colaboración co CIXUG, que integra as tres universidades, e
tamén coa participación da Asociación GPUL. “Será neste eido”,
explica AMTEGA, “onde se desenvolverán a maior parte das
actuacións que se executarán ao abeiro dos convenios de
colaboración asinados cos axentes devanditos do ecosistema open
source de Galicia”.
Balance do Plan de Software Libre 2016
Xunto co lanzamento do Plan 2017 publícase o
balance das actuacións de fomento da cultura de tecnoloxía
colaborativa desenvolvidas pola AMTEGA e en colaboración cos
distintos axentes durante o ano 2016. Amais de ser un ano salientábel
en materia de cooperación para o desenvolvemento de novas
ferramentas no plano administrativo, foi moi de destacar o papel
xogado polo CDTIC, que centrou nos programas abertos máis da metade
das súas actividades. Ademais, o CDTIC Virtual forneceu 6 solucións
de software libre que poden ser probadas polas empresas galegas. Por
outra banda, os estudos do OSIMGA amosaron que o 85,7% das empresas,
o 49,8% das microempresas e o 87,2% das empresas TIC galegas
empregaron en 2016 software libre.