AMTEGA e o CPETIG activan unha nova edición das xornadas sobre Control Parental

venres, 12 de setembro do 2025 S. P.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) organiza un ano máis as xornadas formativas sobre Control Parental para “proporcionar ás familias ferramentas e dinámicas para un mellor entendemento e uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación por parte da rapazada”.
O ciclo leva por título Tecnoloxía, infancia e mocidade: ferramentas para familias e celebrarase nos meses de setembro e outubro, con charlas formativas presenciais de dúas horas de duración en aulas CeMIT de catro concellos galegos.
O primeiro encontro terá lugar o vindeiro venres 19 de setembro na Aula CeMIT de Moaña e continuará en Riotorto, Celanova e San Sadurniño. Adicionalmente, o día 10 de outubro, tamén se celebrará unha xornada no Centro GaiásTech da Cidade da Cultura.
Contidos das xornadas
Para fomentar unha boa educación dixital entre a cidadanía, durante as xornadas formativas abordarase esta temática dende varias perspectivas: riscos dun mal uso da tecnoloxía, bases dunha boa educación dixital (establecemento de horarios, límites, tempos para a desconexión dixital e comunicación e presenza), prevención e control a través do emprego de ferramentas e aplicacións para o control parental, máis aló de Family Link, e ofreceranse recomendacións e boas prácticas para unha boa educación dixital na casa.
Inscrición e calendario de actividades
O prazo de inscrición está aberto e pode realizarse a través de portal da rede CeMIT. As datas e aulas das xornadas son as seguintes:
-Aula CeMIT de Moaña: 19/09/2025 – 17:00 a 19:00
-Aula CeMIT de Riotorto: 03/10/2025 – 17:00 a 19:00
-Centro Gaiás Tech – Cidade da Cultura Santiago de Compostela: 10/10/2025 – 17:00 a 19:00
-Aula CeMIT de Celanova: 17/10/2025 – 17:00 a 19:00
-Aula CeMIT de San Sadurniño: 24/10/2025 – 17:00 a 19:00