AMTEGA e RETEGAL mostran este mércores a cerna dos 17 pilotos galegos de 5G

luns, 16 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Co obxectivo de achegar claves e detalles concretos sobre a tecnoloxía 5G, as súas posibilidades e os importantes proxectos neste ámbito que están a coller pulo na nosa terra (as 17 iniciativas presentadas os días pasados en Vigo), as entidades autonómicas AMTEGA e RETEGAL van organizar este 18 de setembro a xornada Os retos do 5G en Galicia. Casos de uso, na que se darán a coñecer os devanditos pilotos que se están a desenvolver en Galicia baseados nesta tecnoloxía. O encontro, que se celebra na Cidade da Cultura, afondará nas vantaxes dunha tecnoloxía que, segundo lembran as entidades organizadores, ten que ser despregada con casos previos de uso, tal e como esixe a Unión Europea.
A sesión comezará coa sinatura dun convenio para formalizar a adhesión do Observatorio Nacional do 5G ao Nodo Galego 5G, que é, en palabras de AMTEGA, “un punto de encontro para consolidar un ecosistema galego do 5G do que xa forman parte os tres principais operadores, e a Universidade de Vigo”. A asistencia é de balde e pode realizarse a través da conta de correo, casosdeuso5G@retegal.gal.
Trala apertura, que correrá a cargo da directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o director executivo da Mobile World Capital Barcelona Foundation (MWCapital), o responsábel do Observatorio Nacional do 5G, Federico Ruiz, exporá a situación do 5G en España, o caso galego e o labor do Observatorio. A continuación, será a quenda dos operadores: Telefónica, Vodafone e Orange abordarán o seu papel na posta en marcha dos pilotos 5G e os retos e vantaxes que suporá esta tecnoloxía.
A segunda parte da xornada centrarase na visión dos responsábeis de empresas e sectores nos que se aplicarán os devanditos casos de uso. Participarán representantes do CTAG, AXEGA Portos, universidades, SERGAS ou CRTVG, entre outros, expoñendo as vantaxes dos pilotos 5G na industria, no motor, na sanidade, na cultura ou o turismo.
A actividade abrolla directamente do Plan Galicia 5G, posto en marcha por AMTEGA en 2018, complementario ás medidas europeas e estatais e ostentando un obxectivo duplo: por unha banda, que Galicia sexa dos primeiros territorios europeos en dispoñer de servizos 5G e, pola outra, que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesaria para desenvolver posíbeis casos de uso desta tecnoloxía estea localizado na Comunidade.
Unha das primeiras medidas do Plan foi a posta en marcha o pasado mes de novembro do Nodo de Cooperación 5G cun convenio asinado por Orange, Vodafone e Telefónica, no que se recolle o compromiso dos tres operadores. No marco deste Nodo os operadores comprometéronse a realizar 9 de casos de uso 5G en diferentes ámbitos esenciais para Galicia. A estas iniciativas súmanse outras 8 que realizará Telefónica no marco dun proxecto subvencionado por Red.es. En total 17 casos de uso 5G en Galicia.

PUBLICIDADE