AMTEGA activa a edición Júnior do programa Tecnólogo por un día

luns, 19 de abril do 2021 S. P.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) pon en marcha este 19 de abril a edición Júnior do seu programa Tecnólogo por un día, destinado a familiarizar á poboación xuvenil da nosa terra co día a día dunha ou dun profesional das novas tecnoloxías da información. Esta edición está dirixida a estudantes de 12 a 14 anos. Os nenos e nenas interesados en participar poderán inscribirse ata o vindeiro 28 de abril desde os centros educativos, a través do persoal docente.
Metodoloxía de inscrición
Segundo indica AMTEGA, no momento da inscrición, o alumnado poderá elixir as súas preferencias entre as 30 prazas dispoñíbeis e as asignacións realizaranse posteriormente aplicando o resultado dun sorteo. Serán as empresas quen contacten co alumnado posteriormente para concretar a data e o horario da sesión que se desenvolverán ao longo do mes de maio.
Media ducia de empresas participantes
Nesta ocasión, colaboran no programa profesionais voluntarios de seis empresas TIC galegas: Dos Espacios, Inetum, Satec, Sivsa, Sixtema e Tecalis. Estas firmas tecnolóxicas desenvolverán “distintas sesións online nun formato áxil e dinámico para achegar as profesións dixitais ás persoas máis novas”, informa a axencia que dirixe Mar Pereira, engadindo que nesta quenda acollerase ata 30 participantes, “que poderán somerxerse a través das distintas sesións en liña na realidade destes traballos e adentrarse nos proxectos, ferramentas e/ou coñecementos que empregan as persoas que traballan no sector no seu no día a día; resolver dúbidas vocacionais que poidan xurdir; ou coñecer cales son as capacidades que demandan as empresas neste eido”.
No espazo web do programa atópase dispoñíbel toda a información, así como o modelo de autorización necesario para participar na actividade.

PUBLICIDADE