AJE Galicia ofrece teleformación de balde para emprendedores

martes, 13 de marzo do 2012 Raquel Noya

Os mozos e mozas empresarios de Galicia e Baleares veñen de sumar esforzos para lanzar xuntos o proxecto Punto Emprende, un programa que inclúe formación de balde específica para persoas emprendedoras, que lle axudará a levar a cabo con éxito as súas iniciativas empresariais.
O proxecto foi desenvolvido en colaboración coa Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA) e mediante o mesmo agardan “adestrar” a máis de 100 empresarios noveis no manexo das súas habilidades directivas.
Máis polo miúdo, Punto Emprende ten como obxectivo axudar aos mozos e mozas que desexan introducirse cos seus negocios no mercado, a mellorar as súas competencias na xestión do tempo, da motivación e do liderazgo, así como a negociar ou a comunicarse correctamente en público, para o que botan man das posibilidades que ofrecen Internet e as novas tecnoloxías.
O proxecto desenvolverase durante este mes de marzo paralelamente en ambas comunidades autónomas, porén estará aberto á participación de mozos e mozas de todo o Estado.
O itinerario iníciase coa realización dun Test de Habilidades Directivas (dispoñible xa na web oficial), que orientará aos formadores á hora de deseñar un plano de estudos acorde coas necesidades de cada emprendedor.
Asemade, e como parte do programa, o vindeiro 27 de marzo celebrarase en Vigo unha xornada de encontro con emprendedores, na que o director de Personas de R, Santiago Vázquez, debaterá cos participantes o tema Intelixencia Emocional e Dirección de Persoas na Empresa. Para participar nesta xornada é preciso inscribirse previamente a través da web do proxecto.
A maiores deste encontro haberá outras dúas accións formativas que se realizarán na modalidade teleformación (en liña), en palabras da presidente de AJE Galicia, Patricia García, “para evitar que o tempo ou a distancia xeográfica supoña unha barreira aos alumnos”, e outra xornada presencial en Baleares que versará sobre temas de produtividade.
Ademais da personalización e da gratuidade da formación, outro dos puntos a destacar deste proxecto é o equipo de asesores que estará detrás do mesmo, que acompañará e asesorará aos emprendedores sobre os erros máis comúns que se cometen nas fases iniciais de creación dunha empresa, para que esta chegue a bo porto.

PUBLICIDADE