AIMEN botará man da intelixencia artificial para impulsar a fabricación de compoñentes ceibes de defectos

mércores, 11 de febreiro do 2015 Redacción

O Centro Tecnolóxico AIMEN, emprazado no Porriño, vai desenvolver un sistema para incrementar ao máximo a calidade na fabricación de compoñentes de motor e aeronáutica. Con este sistema de control, impulsado a través do proxecto europeo MAShES, reduciranse a cero as devanditas eivas industriais. A ferramenta resultante, equipada con técnicas avanzadas de análise da imaxe e intelixencia artificial, permitirá capturar a moi alta velocidade imaxes multiespectrais (imaxes simultáneas no rango visíbel e o infravermello) do proceso de fabricación. Máis en detalle, será quen de ver até no máis mínimo detalle a distribución de temperatura dos elementos “con independencia dos materiais a procesar”.
Isto, sinala AIMEN, non era viábel até o de agora e supón ceibar o camiño para o desenvolvemento de ferramentas de control e seguimento máis eficaces.
Segundo informa a centro galego, a partir destas medicións e en combinación con outras variábeis (como a xeometría do material, a textura superficial e a velocidade), MAShEs significará a integración dun sistema de seguimento en tempo real dos diferentes parámetros que definen os procesos (potencia, velocidade, modulación, etc.) e co fin de eliminar a aparición de defectos. A maiores, empregaranse técnicas baseadas en intelixencia artificial que permitirán a autoreconfiguración do sistema ante cambios no traballo industrial e/ou nos materiais empregados, “o que dotará de flexibilidade ao sistema e mellorará a calidade do produto final”.
Con este proxecto reducirase até nun 80% o tempo destinado á configuración da tarefa de fabricación e até nun 25% o destinado á execución, “levando practicamente a cero os defectos de fabricación”, sinala AIMEN, que tamén apunta que MAShES fornecerá á industria a posibilidade de acadar a chamada “fábrica cognitiva” (baseada en intelixencia artificial) e operada en rede, o que vai contribuír a importantes aforros en enerxía e uso de materiais.
Cun orzamento de 3,67 millóns de euros, MAShES prolongarase até novembro de 2017, saíndo á luz as versións comerciais dos sistemas nun prazo de 2-3 anos despois da finalización do proxecto.

PUBLICIDADE