AGESTIC recoñece a iniciativas galegas dos sector TIC cos seus Premios INNOVA-G

venres, 26 de outubro do 2012 Marcus Fernández

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia en Santiago de Compostela serviu de escenario para o acto de entrega dos Premios INNOVA-G 2012 que outorga a Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC) para recoñecer os produtos e servizos tecnolóxicos ou da Internet máis innovadores e con maior proxección, así como empresas, entidades e profesionais do sector TIC. A estes galardóns concorren empresas de tecnoloxías, Internet e contidos dixitais galegas, que aproveitan este marco para proxectar a fortaleza deste sector produtivo da nosa sociedade, como demostra o feito de que houbese un total de 71 candidaturas repartidas en 5 categorías oficiais.
O acto estivo presidido polo presidente de AGESTIC, José María López Bourio; quen estivo acompañado pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a directora xeral de promoción de Emprego da Xunta de Galicia, Amparo González Méndez, que coincidiron en destacar o potencial das empresas tecnolóxicas galegas como catalizadoras do emprendemento e confirmaron o apoio institucional a este sector que busca tanto crear emprego como ser motor da economía galega.
Mar Pereira, directora da AMTEGA, sinalou que o futuro se encamiña na dirección de modelos de negocio en liña que evolucionan constantemente para satisfacer a inmediatez e a personalización da demanda actual. Isto unido a clara tendencia dun consumo cada vez máis dixital sitúa ao sector empresarial ante un reto é dunha enorme envergadura, pero tamén ante un abano de oportunidades.
Pola súa banda, a directora xeral de Promoción do Emprego, Amparo González, destacou o compromiso do Goberno galego coa cultura do emprendemento e da innovación. Neste sentido, puxo en valor varios programas que a Consellería de Traballo e Benestar ten posto en marcha para avanzar nesta liña de actuación. En primeiro lugar, fixo fincapé no programa de “fomento das iniciativas de emprego de base tecnolóxica”, que fomenta o espírito innovador e emprendedor, principalmente entre os investigadores e titulados universitarios.

Gañadores dos Premios INNOVA-G 2012



A entrega deste ano dos premios convocados por AGESTIC principiou co recoñecemento a Saborplace.com e a súa plataforma de venda en liña de produtos ecolóxicos e artesanais como a mellor start-up galega. Este proxecto radicado na Coruña botou a andar co traballo de 2 mozas emprendedoras, servindo de exemplo de como levar unha idea a un plan de negocio e á súa posta en marcha, á vez que se aposta por valores como o comercio xusto, o respecto polo medio ambiente e a alimentación sa.

Como recoñecemento persoal á mellora emprendedora TIC galego destacouse a Rosa Conde Suárez da empresa Entremetidos, unha consultoría de marketing en liña e comunicación interactiva que supón o salto da súa responsable de traballar para empresas líderes dende Madrid a Galicia, para crear unha empresa de seu.

Como mellor desenvolvemento 2.0 destacouse a Buydeal, plataforma de comercio electrónico que o ano pasado xa recibira o Premio EGANET, polo que este proxecto parece estar a gañarse un espazo como exemplo de produto galego en liña.

Como mellor aplicación para dispositivos móbiles AGESTIC quixo recoñecer a PicSound da coruñesa Evelb Técnicas y Sistemas, aplicación para iPhone e iPod Touch que permite usar a cámara do dispositivo móbil sen tocar a súa pantalla, empregando como disparador o son (pode programarse para que saque unha fotografía ao superar certo nivel de volume).

Para rematar as categorías oficiais destes premios destacouse o traballo da compañía viguesa Desoños coa páxina web Delagro, que cun deseño coidado e un bo desenvolvemento consegue dar visibilidade a máis de 40 cooperativas agrarias e entidades de Galicia, Asturias e Cantabria, que aglutinan a máis de 17.000 asociados.

Mencións de honra



Aparte da competición oficial dos Premios INNOVA-G, dende AGESTIC tamén queren destacar o bo facer doutros axentes que contribúen a promover o sector tecnolóxico galego, de aí que decidisen recoñecer cunha mención como mellor evento de networking galego á LaconNetwork, xuntanza de emprendedores e profesionais de base tecnolóxica que os últimos venres de cada mes atópanse para compartir mantel e experiencias, contribuíndo a cohesionar o noso sector TIC.

Tamén tiveron a ver recoñecer á CRTVG como mellor medio de comunicación de difusión das TIC polo programa Banda Ancha da Radio Galega, que durante os últimos anos contribuíu á difusión da Internet e das iniciativas no ámbito tecnolóxico que se desenvolven dende Galicia, dando unha voz ao sector nas ondas da radio pública do país.

Para rematar a entrega de premios, destacouse como mellor institución pública comprometida coas TIC á Deputación de Pontevedra, que nos últimos anos ten desenvolvido distintas iniciativa para difundir as TIC e promover a eAdministración, como os proxectos depoTIC ou Repoblar.

O evento rematou coa tradicional fotografía de familia dos galardoados

PUBLICIDADE