AGESTIC e a Deputación de Pontevedra fanse con dous dos catro galardóns de Fundetec

venres, 22 de febreiro do 2013 Redacción

JPEG - 467.9 KB
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, recollendo o galardón

A oitava edición dos premios de Fundetec, tal e como vimos anunciando (e prevendo), foi especialmente nosa. En palabras da organización deste certame, a dita fundación, na resolución final dos premios estes “falaron galego”. De feito, na entrega destes recoñecementos celebrada este xoves pola noite, impuxéronse dúas entidades nosas polo seu labor de desenvolvemento TIC e, máis polo miúdo, pola súa arela de levalo á sociedade. Falamos da Deputación de Pontevedra e máis da Asociación Galega de Empresas TIC, AGESTIC. O organismo provincial obtivo o Premio ao Mellor Proxecto de Entidade Pública ou Privada dirixido a PEME, microempresas e Autónomos, todo grazas ao seu proxecto Life+Viñas Atlánticas. Pola súa parte, AGESTIC recibiu o Premio ao Mellor Proxecto de Entidade Sen Ánimo de Lucro dirixido a Cidadáns pola súa iniciativa Destino Emprego.
Volvendo a Life+Viñas Atlánticas, dicir que se trata dun proxecto, arestora en activo, de viticultura intelixente que se dirixe a limitar a problemática causada nos viñedos da Denominación de Orixe Rías Baixas polo fungo mildiu. Consiste, tal e como sinalamos no seu día, na implantación dun sistema de xestión integral de viñedos, unha rede sensorial sen fíos e unha plataforma que permite recoller e procesar todos os datos recolleitos para transformalos en coñecemento. Deste xeito conséguese reducir o uso de produtos químicos e mellorar o rendemento económico e ambiental. Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra, recolleu o premio de mans de Bruno Porchietto, director xeral de Hibü España (patrón de Fundetec), e amosou o seu “orgullo por facer posible o desenvolvemento dun proxecto recoñecido como o máis innovador en viticultura en España, que contou co entusiasmo dos viticultores de Rías Baixas e da comunidade galega”.

JPEG - 423.1 KB
José María López Bourio, presidente de AGESTIC, na entrega de recoñecementos

Polo que se refire ao recoñecemento a AGESTIC, dicir que a súa iniciativa Destino Emprego tamén ten pasado por Código Cero, onde falamos en detalle das persoas beneficiadas, laboralmente falando, pola formación tecnolóxica que pon en xogo: máis de 300 mulleres galegas até o de agora. Máis polo miúdo e en palabras de AGESTIC, “Destino Emprego é un proxecto piloto que persegue a formación de mulleres co fin de favorecer a súa incorporación ao mercado laboral ou a posta en marcha da súa propia empresa”. Para iso, achega dous itinerarios formativos dixitais (a modo de liñas de metro) que, segundo o destino sexa o emprego ou o autoemprego, componse de diferentes paradas que proporcionan unha serie de contidos e recursos, fornecendo ademais titorización e asesoramento personalizado específicos. A directora de Políticas Públicas de Google España, Bárbara Navarro, entregou o seu trofeo e o seu cheque de 15.000 euros a José María López Bourio, presidente de AGESTIC, quen fixo saber que “neste complicado contexto económico e social, este tipo de proxectos adquiren máis sentido, e é clave o labor dos organismos intermedios, próximos ao cidadán e ao tecido empresarial local”. Amais, reclamou a continuidade e réplica dos proxectos financiados con diñeiro público para garantir o seu máximo percorrido e utilidade.
Máis logros galegos
Pero houbo máis presenza galega na recta final dos galardóns de Fundetec. De feito, o terceiro gañador foi Oficio e Arte, Organización dos Artesáns de España, Premio ao Mellor Proxecto de Entidade Sen Ánimo de Lucro dirixido a PEME, Microempresas e Autónomos por Talleres abertos, un proxecto que foi desenvolvido pola Asociación Galega de Artesáns (finalista na edición anterior destes galardóns) e que agora deu o chimpo a nivel estatal. Pola contra, non acadou o trofeo a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), finalista na categoría de Mellor Proxecto de Entidade Pública ou Privada dirixido a Cidadáns co seu proxecto Abalar, que foi parar finalmente á Dirección Xeral da Policía pola súa iniciativa Policía 2.0.
Entrega de Premios
A cerimonia de entrega de premios, presentada pola xornalista Lourdes Maldonado, tivo lugar no Museo do Traxe de Madrid, nun acto que contou coa presenza de máis de 200 persoas, entre elas representantes da Administración Central, Autonómica e Local e executivos de empresas, fundacións e asociacións de primeiro nivel. Outras tantas persoas seguiron a retransmisión en directo a través do blog oficial (onde agora pode verse agora en diferido), e en Twitter o hashtag #PremiosFundetec conseguiu converterse en Trending Topic en Madrid. Durante o seu discurso de clausura, o secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, e presidente de Fundetec, Víctor Calvo-Sotelo, asegurou que “ante os retos requírese enxeño e creatividade, e iso é o que amosaron todos os premiados co recoñecemento de Fundetec”.
O xurado encargado de elixir os proxectos gañadores, entre un total de 216 candidaturas, estivo formado por Víctor Calvo-Sotelo, presidente de Fundetec; Ignacio Tremiño, director xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade; Manuel Mañas, vicerreitor de Innovación da Universidade Complutense de Madrid; José Luís Virumbrales, vicepresidente da Asociación Española de Parques Tecnolóxicos; José Manuel Vilar, director xerente de CEPYME; Enrique Muñoz, director de Mercadotecnia e Relacións Institucionais de Informática El Corte Inglés; e Miguel Anxo Turrado, director de Estratexia e Tecnoloxía de Hewlett-Packard España.

PUBLICIDADE