AGESTIC e Serviguide colaboran para levar a innovación ás PEMES galegas

venres, 20 de xuño do 2008 Raquel Noya

Logo do convenio de colaboración asinado entre AGESTIC e a Consultora especializada en Innovación, Serviguide, José María López Bourio, o presidente da Asociación Galega de Empresas TIC vén de manifestar que o obxectivo do mesmo é ofrecerlle ás empresas das tecnoloxías da información galegas, un “sistema de apoio á innovación, baseado na experiencia de AGESTIC” e apostar “por un novo marco de desenvolvemento económico” baseado na innovación, que supere a actual situación de dificultades que en xeral “afectan á nosa economía”.
Mediante o devandito convenio, a consultora levará a cabo a orientación, canalización, promoción e axuda de tódalas iniciativas innovadoras que sexan detectadas nas PEMES TIC de Galicia así como converter as ideas en proxectos innovadores.
Por outra banda, no marco do anuncio efectuado hai uns días polo Conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, sobre a creación dun Parque Científico Tecnolóxico no novo Parque Empresarial das Gándaras en Lugo, os responsables de AGESTIC veñen de mostrar a súa aceptación e interese para o desenvolvemento provincial e sectorial do mesmo.
Esta Asociación mostrou o seu compromiso a realizar un estudo da viabilidade do proxecto así como a “informar, animar e mobilizar” ás empresas do sector que puideran ter interese en participar na iniciativa.

PUBLICIDADE