AGESTIC dáse de baixa no Cluster TIC de Galicia

xoves, 7 de xullo do 2011 Raquel Noya

As decisións tomadas no seo do Clúster TIC de Galicia non acaban de convencer a moitos dos seus integrantes (empresas, asociacións empresariais, colexios e outros axentes do macrosector galego das TIC), e á baixa de EGANET producida aínda non hai un mes, hai que engadirlle agora a de AGESTIC, que xa a finais de xuño mostraba o seu descontento coa liña seguida pola asociación.
Dende a súa posta en marcha, a comezos de 2008, o Cluster asegura estar a traballar “para poñer en valor o macrosector TIC galego, impulsando a colaboración entre empresas e aproveitando a capacidade de tracción das máis grandes para a innovación das de menor tamaño”; unha liña de traballo que semella ter quedado no papel posto que, o que piden as dúas entidades afectadas nun documento entregado no rexistro do Cluster o día 2 de febreiro de 2011 é “meirande transparencia democrática e o impedimento de que as empresas grandes teñan o control da asemblea ao ter máis votos cás pequenas e medianas”.
Xa que logo, e ante a aparente negativa da macroasociación a cumprir os “compromisos de reformas estatutarias do presidente do Clúster” que, segundo AGESTIC “se efectuaron na Asemblea Electoral de febreiro de 2010”, esta organización vén de causar baixa no Clúster TIC de Galicia o día 30 de xuño, en cumprimento, segundo din, “do acordo da súa Xunta Directiva ratificado en Asemblea Xeral”.
As razóns desta baixa baséanse, asemade, “na supresión do Grupo de Traballo de Reforma de Estatutos en novembro de 2010”, afirman, así como na “non aceptación do devandito Documento entregado e subscrito de maneira conxunta por AGESTIC e EGANET en febreiro de 2011”.
Tamén achegan como causa de baixa o feito de que “o presidente do Cluster desautorizara ao presidente do Grupo de Traballo Regulación e adaptación de normativa interna”, creado, segundo afirman, en maio de 2011, “o que significou a liquidación de facto do mesmo”, aseguran.
Dende a dirección de AGESTIC afirman lamentar esta decisión, posto que “creemos na necesidade da existencia dun Cluster TIC de Galicia, porén, baixo as premisas de que un clúster non é unha organización empresarial e de que son necesarias certas reformas tanto de estatutos como de funcións”.
Xa que logo, AGESTIC deixa as portas entreabertas e condiciona o su retorno ao Cluster “no momento en que se dean as condicións expostas tanto pola nosa asociación como por EGANET”, conclúen.

PUBLICIDADE