AGESTIC alza a voz en contra do canon dixital

luns, 23 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Finalmente entrou en vigor o novo canon dixital e, tal e como era de agardar, as voces de protesta contra esta taxa sobre CDs, DVDs, reprodutores MP3, móbiles e PDA veñen de redobrar o seu rexeitamento. Entre as galegas atopamos estes días a da Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), que vén de emitir un comunicado no que confirma a súa postura en contra do dito gravame sobre soportes dixitais imposto polo Goberno central, e todo iso malia a súa tentativa de calmar os ánimos cunha manobra que a entidade galega chama “maquillaxe de rebaixas”. Sexa como sexa, AGESTIC xa vén de anunciar que traballará xunto con outras organizacións para levar a lei do canon dixital aos tribunais.
Segundo informa a organización galega, o importe que o Goberno pretende recadar coa dita taxa ascende a máis de 117 millóns de euros, o que na actual situación de crise, recalca, virá a ser como botar leña ao lume, xa que malia que se especifica que a taxa vai ser pagada polos fabricantes, estes acabarán por “repercutilo sobre o consumidor final”, sinala AGESTIC.
Para a asociación galega, debería terse en conta a oposición ao gravame declarada por máis de un millón de cidadáns en España, amais dos escritos a parlamentarios e as protestas xeralizadas dos consumidores. Respecto aos datos de Galiza, dicir que para AGESTIC a repercusión vai ser notable, xa que estima unha recadación de máis de 6,5 millóns de euros anuais, obrigando aos galegos e galegas a facer as compras deste tipo de material en Portugal a prezos moito máis baixos.

PUBLICIDADE