AGASOL e AMTEGA favorecerán en Ortigueira o uso igualitario e creativo das tecnoloxías entre a mocidade

mércores, 24 de agosto do 2022 S. P.

A Aula CeMIT do Concello de Ortigueira acollerá os días 25 e 26 de agosto o Programa STEAM, organizado pola Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Este curso pretende “motivar e favorecer o uso creativo e igualitario da tecnoloxía entre os mozos, tentando acabar cos estereotipos”.
Están establecidos dous grupos en función da franxa de idade, en horario de 10:30h a 13:30h. No primeiro inclúense os comprendidos entre os 8 e os 11 anos, e o segundo abarca desde os 12 aos 15.
En declaracións do alcalde, Juan Penabad, “esta actividade supón unha gran oportunidade para a xuventude do noso municipio, xa que poderán experimentar de primeira man diferentes tipos de avances tecnolóxicos, sempre desde unha perspectiva de igualdade e innovación”
A través desta formación-divulgación, o alumnado tomará contacto coa tecnoloxía “de forma inspiradora e creativa”, con actividades como a creación de circuítos de papel, programación de videoxogos propios con Scratch (unha linguaxe de programación creada polo MIT para persoas que se inician neste ámbito) ou a creación de cómics interactivos con Makey Makey (un kit de creación interactivo para experimentar, investigar e ideal para practicar nun contexto real a programación con Scratch).
Ademais, as mozas e mozos que asistan aos obradoiros terán a posibilidade de realizar outro tipo de proxectos máis avanzados, que requiren coñecementos e experiencia en programación e involucran o uso de diferentes sensores, así como a elaboración de postais pop-up, libros luminosos, papiroflexia interactiva, entre outras actividades.
A inscrición pode formalizarse a través do teléfono 981 40 25 33 ou a través do correo electrónico cemit.ortigueira@xunta.gal.

PUBLICIDADE