AGAPI renova web e inclúe nela completa información sobre 118 obras galegas independentes

mércores, 11 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

Hoxe en día, non se concibe a promoción dun produto audiovisual de calquera índole sen a concorrencia de Internet. Isto que é bo para as multinacionais que compensan a falta de imaxinación con cartos, tamén é especialmente vantaxoso para o sector de creadores que fan exactamente o contrario: achegar enxeño a falta de millóns. A nova web da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) é como un novo paso nesa liña de tirar rendemento da Rede como ferramenta barata e accesible de difusión. O remodelado sitio, que foi presentado este martes 10 en Santiago, inclúe completa información sobre os máis de cen proxectos audiovisuais galegos que integran o Catálogo da Produción Independente de 2007 feito pola devandita entidade.
Esta listaxe (formada por 118 pezas, 85 das cales están xa rematadas), é segundo informou Dolores Ben Pena -presidenta de AGAPI- imprescindible para mostrar fóra de Galiza o que se fai dentro, e asistir, en definitiva, ós mercados do audiovisual. O Catálogo, engadiu, facilita no posible a promoción, deixando máis marxe de manobra ós creadores, e máis aínda se temos en conta que hoxe en día arredor do 30% do presuposto dun proxecto audiovisual vai destinado á comercialización.
Á presentación (na imaxe) acudiron tamén Luís Bará Torres, director xeral de Creación e Difusión Cultural; María Elena Veiguela Martínez, directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información; José Manuel García Iglesias, director adxunto de Acción Social Caixa Galicia; Manuel Aguilar López, director de Obra Social Caixa Galicia, e numerosos produtores independentes galegos.
Por certo que no Catálogo agora en liña, que inclúe tráilers, fotografías e sinopses, están representados todos os formatos da produción audiovisual: programas e series de televisión, longametraxes e curtametraxes de ficción e o documental televisivo, o xénero máis representado con 32 obras.

PUBLICIDADE