AGAL e Política Lingüística centralizan boa parte da festividade das Letras en carvalho2020.gal

mércores, 13 de maio do 2020 Fernando Sarasketa

Este 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas máis virtual da nosa historia e, en base a isto, incrementáronse as portas dixitais nas que petar para procurar información sobre a festividade e o autor homenaxeado este ano, o ferrolán Ricardo Carvalho Calero. Entre as páxinas máis salientábeis e referenciais atópase sen dúbida carvalho2020.gal, impulsada pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A web ofrece cumprida información sobre a biografía e obra do autor, así como o acceso a recursos dixitais deseñados tamén no marco desta colaboración, como unidades didácticas para o ensino primario e secundario, ou referencias ás edicións bibliográficas conmemorativas, fotografías que ilustran a súa vida e traxectoria e descarga da imaxe icónica orixinal, especialmente deseñada para a celebración deste Ano Carvalho Calero 2020 que AGAL e a Xunta poñen a disposición de toda a cidadanía.
Nesta web, que se pode ver en galego-portugués (a norma defendida por Carvalho Calero) e galego RAG, tamén se fai especial fincapé nas fortes ligazóns que o autor homenaxeado mantivo con Portugal, ligazóns que comparten AGAL e unha manchea de colectivos actuais e que se manifesta na defensa da unidade lingüística e na plena integración do pobo galego no ámbito lusófono.
Segundo explica Política Lingüística, tanto dende carvalho2020.gal como dende o Portal da Lingua Galega poderanse ver e descargar desde a semana vindeira e en formato dixital os materiais (paneis e folleto) que configuran o proxecto expositivo A voz presente, promovido pola AGAL en colaboración coa Xunta de Galicia e baixo xestión e produción de Ouvirmos, para difundir a dimensión artística, humana e lingüística de Ricardo Carvalho Calero e poñer en valor e resituar a súa figura e o seu legado. Esta mostra desenvolverase até decembro, percorrendo diferentes puntos da nosa biografía e mesmo chegando a Concelho de Viana do Castelo (Portugal) en canto as restricións da COVI-19 o permitan.

PUBLICIDADE