AGAL afiánzase no vieiro da accesibilidade na súa nova web

mércores, 22 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

A Associaçom Galega da Língua (AGAL) vén de estrear un novo sitio web co que se recupera o dominio tradicional, www.agal-gz.org. O gran obxectivo desta nova andaina en liña da plataforma, centrada sobre todo en recuperar e pór en valor as moitas ligazóns culturais e lingüísticas que nos unen a Portugal, resúmese nun meirande esforzo a prol da accesibilidade en liña. Ou sexa, que AGAL púxose mans á obra para acurtar ao máximo a distancia que separa aos seus contidos dos internautas. Xa nun eido máis concreto, as novidades (algunhas delas reflectidas polos usuarios de Chuza!) non son poucas. Para comezar, AGAL inclúe no seu novo sitio “um consultório lingüístico, em breve disponível, que será gerido pola Comissom Lingüística da associaçom, e que visa responder dúvidas da sociedade galega acerca do correto uso do nosso idioma”, din os responsables da asociación.

Amais do devandito, na sección CL-AGAL podemos atopar xa un percorrido polo miolo deste órgano e polo traballo despregado dende o seu eo, así como a actualización normativa conforme ao Acordo Ortográfico. Acerca dos contidos e servizos restantes, cómpre salientar unha renovación visual e funcional das diferentes liñas de traballo da plataforma, minimizando o número de cliques para chegar á presentación da entidade, á introducción ao reintegracionismo ou ao labor editorial de AGAL.