AGADIC lanza unha páxina web para a difusión do audiovisual galego

martes, 6 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Retomando a aventura emprendida por Flocos.tv a finais de 2008, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) inaugurou hoxe CanleTV, un novo servizo de vídeo en liña destinado á difusión e promoción do audiovisual galego con finalidade cultural e divulgativa, que no momento de botar a andar conta con máis de 120 obras.
Esta filmoteca virtual, en vez de tomar un dominio de Internet de seu, achégase a través dun subdominio de AGADIC, e acolle longametraxes, curtas, videoclips, trailers e outros formatos repartidos en categorías e debidamente etiquetados para facilitar a súa exploración e consulta. Tamén conta cun buscador na súa portada, que facilita a localización de pezas audiovisuais a través do seu título.
Este novo espazo, como no seu día facía Flocos.tv, está aberto a novas incorporacións, para o que é precisa a autorización expresa dos titulares das obras para a súa publicación na web (que pode revocarse en calquera momento).

PUBLICIDADE