A youtubeira Isa Shopaholic ofrece este sábado en Carballo un obradoiro sobre redes sociais

venres, 21 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

A youtubeira galega Isa Shopaholic, referente comunicativo nas redes sociais en materia de tendencias culturais e defensa do galego, vai estar este sábado 22 de febreiro en Carballo, a partir das 11.00 na Biblioteca Rego da Balsa, para ofrecer un obradoiro sobre comunidades dixitais, poñendo o foco nas posibilidades que se abren con Facebook.
Como lembraremos, Isa é autora do libro O galego mola: Palabras da miña vida (Hércules de Ediciones), do que temos falado en Código Cero para dar conta da súa páxina web, ogalegomola.com, e doutros labores de divulgación levados a cabo por Isabel Villanueva (nome verdadeiro de Isa Shopaholic) dentro e fóra da nosa terra.
Na cita de Carballo, a veciñanza terá a oportunidade de coñecer de primeira man “os segredos e reviravoltas da rede social máis veterana e unha das pioneiras das comunidades sociais en Internet a nivel mundial: Facebook”, segundo informou o Concello, que lembra que as prazas son limitadas e que cómpre non demorar a inscrición.
Polo que se refire aos contidos da sesión, tocaranse, entre outras, estas cuestións: historia de Facebook, tipos de usuarios, como darnos de alto, medidas en Facebook, uso de diferentes opcións na rede social, como usar fotos, vídeos e Facebook Live, xestión de grupos, administración de páxina, como usar as estatísticas das publicacións, como tirar partido de Instagram, manexo de recomendacións, etc.
A cita coa blogueira está organizada pola Concellería de Cultura de Carballo.

PUBLICIDADE