A xornada sobre metodoloxías áxiles que prepara Vitae, éxito de convocatoria

martes, 7 de novembro do 2017 Redacción

O evento Xestión de Proxectos Áxiles vs. Xestión de Organizacións Áxiles, que se vai celebrar o 21 de novembro na sede do CITEXVI en Vigo, mostrando boa parte das metodoloxías máis avanzadas para coñecer aos usuarios dos nosos servizos (permitíndonos anticiparnos ás súas demandas), está a ser un éxito de seguimento e de capacidade de convocatoria. Segundo nos contan dende a consultora Vitae, impulsora do evento xunto co CITEXVI, a Universidade de Vigo e Scrum Manager, xa se contaba a comezos desta semana con máis de 70 asistentes inscritos.
A cita, para a que xa van quedando poucas prazas, encamíñase a afondar no escenario actual das metodoloxías áxiles e do seu futuro, facendo fincapé en como deseñar de maneira adaptativa produtos e servizos, e afondando en cuestións como a xestión da calidade do software, na xestión das persoas e en como implantar metodoloxías eficaces nunha organización con casos reais.
Outro dos retos da convocatoria é combinar enerxías, intercambiando experiencias e amosándoas ao detalle, a prol de conseguir unha integración óptima das metodoloxías áxiles no seo dunha empresa. “As metodoloxías áxiles para a xestión de proxectos”, explica Vitae, “estanse a introducir con moita forza e rapidez nas organizacións e ás veces estas non están preparadas para o cambio de prioridades nin dos procesos nin nas persoas”.

Programa de actividades

9:45 - 10:00 Recepción de asistentes
10:00 - 10:10 Benvida e introdución
Nacho Armesto, Universidade de Vigo
Marcos Carbonell, Vitae
10:10 - 10:40 Relatorio: Axilidade e Innovación
Juan Palacio
10:40 - 11:20 Relatorio: Deseño adaptativo con Design Thinking
Adrián Ager
11:20 - 11:40 Café - Networking
11:40 - 12:10 Casos de éxito : Calidade e Testing en Proxectos Áxiles
Juan Martínez
12:10 - 12:50 Casos de éxito, Xestión de Persoas en Metodoloxías Áxiles
Josefina Alonso Nocelo
12:50 - 13:50 Casos de éxito, Implantación de Metodoloxías Áxiles nunha organización
Manuel Doval
13:50 - 14:00 Rogos e preguntas

Relatores

- Juan Palacio. Profesor de Enxeñaría do Software e profesional con máis de 20 anos de experiencia en xestión de empresas, proxectos e equipos. Dirixiu a área técnica de iA Soft (actualmente Grupo Oesía - Zaragoza). É fundador de Scrum Manager, proxecto que actualmente preside, e tamén fundador de Safe Creative e Safe Stamper, empresas que dirixe a día de hoxe.
- Adrián Ager. Licenciado en Publicidade e Relacións Públicas cun master en Mercadotecnia ademais de posgraos en Innovación e Creatividade. Profesional con máis de 5 anos de experiencia desenvolvendo proxectos dixitais a través de metodoloxías como Design Thinking e Lean Startup tanto para grandes empresas como para proxectos en startups. Traballou en Orange, na Fundación Telefónica e en BEEVA, consultora de Innovación e Tecnoloxía do grupo BBVA.
- Juan Martínez Neira. Licenciado en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela. A día de hoxe é director da área de desenvolvemento de software de Plexus, consultora tecnolóxica galega con máis de 700 empregados. Profesional con máis de 15 anos de experiencia no sector TI traballando con metodoloxías áxiles e preditivas.
- Josefina Alonso Nocelo. Enxeñeira Superior en Informática pola Universidade de Vigo. Actualmente é responsábel da área de Aseguramento da Calidade e Seguridade Funcional da División de Electrónica, HMI e Sistemas ITS do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). Posúe máis de 18 anos de experiencia no eido do desenvolvemento de software destacando a súa actividade na xestión e dirección de proxectos TI con metodoloxías áxiles (Scrum, XP) e Preditivas (PMI, CMMI) para os sectores do motor, o aeronáutico e do espazo.
- Manuel Doval. Licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade Complutense de Madrid e posgrao en Dirección de Empresas polo IESE. Foi durante 19 anos o director IT na empresa R Cable e Telecomunicacións, sendo uns dos pioneiros en implantar metodoloxías áxiles tanto a nivel de proxectos como na organización.

PUBLICIDADE