A xornada de internacionalización de NACCE celebrada este xoves en Vigo reuniu a máis de 60 profesionais

xoves, 29 de novembro do 2012 Redacción

O Proxecto NACCE, Núcleo de Apoio á Competitividade e Creación de Empresas, centrado en mellorar a competitividade das empresas TIC de Galicia e Norte de Portugal mediante a colaboración e a internacionalización das mesmas, vén de dar un paso máis na posta en valor do tecido empresarial (e emprendedor) TIC da Eurorrexión. Ao longo deste xoves, 29 de novembro, máis de 60 empresas e emprendedores asistiron na Cámara de Comercio de Vigo a unha intensa xornada de traballo sobre internacionalización como alternativa para que as empresas poidan facer fronte á crise produtiva accedendo a mercados que lles ofrezan novas oportunidades de negocio. Ao longo desta xeira de traballo avogouse así pola vocación de globalidade dos proxectos dos nosos emprendedores, materializados ou non como start-ups.
Entre os profesionais que participaron na xornada e que máis fincapé fixeron na necesidade de apostarmos polos ingredientes da internacionalización e a escalabilidade, atopouse Elías Pérez Carreira, mentor do Proxecto NACCE e recentemente elixido un dos 10 profesionais novos máis innovadores de España (segundo MIT Technology Review) grazas ao seu proxecto IdentityCall, sistema de autenticación de voz sobre IP.
Da man de Pérez Carreira, máximo responsábel da firma TIC galega Quobis (da que é co-fundador e que conta arestora con máis de 20 profesionais das novas tecnoloxías da información e outros ámbitos relacionados), os participantes puideron coñecer polo miúdo, en boca dos seus profesionais, as experiencias de Pintega Enxeñaría na exportación de aplicacións, de BuyDeal no espallamento internacional da plataforma de desconto de seu e de Bit Oceans Research, spin-off da Universidade de Vigo, no fornecemento de solucións para evitar a fraude documental.
Asemade, suscitou gran interese a cuestión da internacionalización no mercado americano, que foi tratada en detalle por Krasis Consulting, ao falar do seu proxecto campusMVP.com, a través do cal miles de programadores do mundo aprenden, en inglés e español, a ser mellores no seu traballo.
Tamén xeraron moita expectación as achegas de International Market de Competinov e o espallamento de Peixe Software, que está arestora no programa Next do ICEX, programa que proporciona axudas económicas e asesoramento para as fases iniciais de exportación das empresas que debutan nos seus procesos de expansión internacional.
Na recta final do acto presentouse a aceleradora de empresa Partimos, que se suma a NACCE e ofrece ao gañador ser unha das empresas acubilladas da súa Aceleradora Incubadora.
Por certo que a inscrición no proxecto está aberta e é gratuíta na web de NACCE.
Sobre o proxecto NACCE
O proxecto NACCE inscríbese dentro da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, e participan a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, AGESTIC (Asociación Galega de Empresas TIC), Cámara de Comercio de Vigo, Universidade de Vigo, AIMinho (Associaçao Empresarial) e o CCG/ZGDV (Associaçao Centro de Computaçâo Gráfica). Espérase que signifique un gran estímulo para o sector TIC de Galicia e do norte de Portugal favorecendo a creación de emprego e de empresas tecnolóxicas.
NACCE é un programa de mentorización sobre mellora da competitividade, internacionalización ou apertura de novas liñas de negocio en empresas TIC, e tamén sobre como crear unha empresa TIC, como levar unha idea de negocio tecnolóxica ou de internet á realidade. Todo iso de forma on-line e gratis, e apoiado por profesionais de prestixio que conforman o Núcleo de Apoio á Competitividade e Creación de Empresas, “polo que é unha oportunidade única para formarse, asesorarse, facer contactos de primeiro nivel ou montar unha empresa da man da experiencia do día a día”, sinalan os impulsores da iniciativa.

PUBLICIDADE