A xira Enredando Tour R para a inclusión TIC dos nosos maiores chega á provincia de Ourense

venres, 24 de setembro do 2021 S. P.

Logo de ter recalado na Coruña, Cedeira, Viveiro, Sarria e Monforte, a xira da aula móbil de R e a Cruz Vermella (a xira Enredando tour R, destinada a loitar contra a fenda dixital que separa aos nosos maiores con respecto ás novas tecnoloxías da información) achégase á provincia de Ourense para instalarse o luns 27 no Carballiño e desprazarse o martes 28 e o mércores 29, a Verín e ao Barco de Valdeorras, respectivamente.
A xira Enredando tour R, que conta coa colaboración da Consellería de Política Social, chegará a 11 localidades das catro provincias galegas. Máis datos en Enredando.gal.
Durante un mes, o programa está a percorer localidades galegas cunha aula móbil para romper a fenda dixital e ofrecer contidos formativos tecnolóxicos específicos. O propósito é “enredar” persoas maiores no universo das novas tecnoloxías dun xeito lúdico, ofrecéndolles a degustación dun “menú tecnolóxico” á súa medida.
Aula móbil “superequipada”
A protagonista do roteiro é unha aula móbil con contidos formativos vencellados ás novas tecnoloxías. A aula é “unha furgoneta superequipada” que transporta os smartphones, portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes... e todo tipo de accesorios para facilitar ese achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá”, explicou R na presentación.
Este é o calendario previsto:
_13 de setembro: A Coruña
_17 de setembro: Cedeira
_20 de setembro: Viveiro
_21 de setembro: Sarria
_22 de setembro: Monforte de Lemos
_27 de setembro: O Carballiño
_28 de setembro: Verín
_29 de setembro: O Barco de Valdeorras
_4 de outubro: Lalín
_5 de outubro: Ponteareas
_6 de outubro: A Guarda
Para participar nas actividades de Enredando Tour R as persoas interesadas poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es.


PUBLICIDADE