A web do monstro que impedía a educación dos nenos, sitio do día

martes, 26 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

A prestixiosa web The FWA (The Favourite Website Awards), especializada en sinalar tendencias e achados de valor no panorama internacional en liña, vén de premiar unha campaña solidaria de curioso nome co recoñecemento de Sitio do día do 23 de febreiro. Falamos da iniciativa O monstro que non deixaba ir aos nenos ao colexio, lanzada polo banco en liña ING Direct co obxectivo de botar unha man a favor de UNICEF. Trátase, máis polo miúdo, dunha campaña solidaria que inclúe unha curtametraxe de animación interactiva que relata a historia dun monstro, símbolo de problemas como a pobreza, o traballo infantil ou a discriminación de xénero, cousas en definitiva que impiden aos nenos acceder á educación.
A través dela, ING anima aos internautas a ser os heroes que acaben con este “terrible monstro” e que nun momento da curta, por tratarse dunha proposta interactiva, teñen que elixir entre catro finais posibles e enviar logo unha mensaxe desde o seu móbil co seu remate de conto favorito. Unha vez enviado, e en tempo real, a curta continua co final seleccionado e o monstro derrotado. Con cada SMS, os participantes realizan unha doazón de 1,20 euros a favor de UNICEF España. A web acadou xa un total de 199.652 euros a favor da dita ONG e máis de 131.764 visitas.