A web de normalización da língua galega comeza o curso canda os escolares
luns, 14 de setembro do 2009
Logo de tres meses de intensas vacacións,
máis de 193.000 escolares galegos volveron ás aulas de Educación Infantil e
Primaria a pasada semana para dar comezo a un novo curso académico, e con eles,
a web dos equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL),
dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellaría de
Educación e Ordenación Universitaria, que xa está a traballar en novos contidos
de interese para todos o centros de ensino galegos.
Esta web, que na presente tempada
incorpora un novo deseño, é o espazo no que os ENDL poden compartir as
experiencias e iniciativas levadas a cabo nos seus centros, así como recoller
información de utilidade, que vai dende recomendacións para a elaboración do
proxecto de dinamización lingüística dos centros ata propostas de traballo para
o comezo do curso.
Asemade, a través desta ferramenta en
liña, que se pode consultar directamente na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística,
os ENDL tamén poden obter información sobre blogues de interese, iniciativas
para a familia ou recomendacións bibliográficas sobre diversas temáticas como o
ensino de alumnado inmigrante.
Política Lingüística puxo en marcha este
espazo na Rede, o pasado mes de xuño, co
obxectivo de “difundir e axudar a facer
máis visible as experiencias dinamizadoras levadas a cabo polos ENDL, onde
ademais poden compartir recursos, ferramentas e información”.
Os
ENDL, formados por profesorado, representantes dos alumnos e persoal non
docente, comezaron a funcionar nos
centros de ensino galegos no curso 1990-1991. A súa creación responde ao obxectivo da
Lei de normalización lingüística de 1983 de conseguir que os alumnos e alumnas
adquiran unha boa competencia nas dúas linguas oficiais de Galicia. Na
actualidade, a súa misión central é fomentar o uso do galego nos centros
educativos e ter un papel fundamental no deseño, na posta en marcha e na
revisión dos programas de planificación lingüística nos centros educativos.
Renovación do
boletín sobre novas do galego
O
boletín semanal sobre a actualidade da lingua galega que se distribúe a través
do correo electrónico tamén vén estrear novo deseño e xa conta con máis de
1.000 subscritores. Para recibilo e estar informado das novidades do galego,
pódese realizar a subscrición na páxina web www.xunta.es/linguagalega.