A web de MeteoGalicia mellora a información de predición por concellos

luns, 25 de maio do 2015 Redacción

Os servizos de información de MeteoGalicia estrean hoxe unha nova ferramenta desenvolvida no CiTIUS, que permitirá aos usuarios da súa páxina web consultar en linguaxe natural as predicións meteorolóxicas para cada un dos 314 concellos galegos, facilitando a interpretación dos datos meteorolóxicos e sen precisar da redacción manual elaborada por expertos como acontece no caso da predición a curto prazo para Galicia.
GALiWeather consegue así completar a información gráfica e numérica que presenta de forma individualizada pro localidade MeteoGalicia, engadíndolle un comentario en linguaxe natural froito da investigación do proxecto de I+D Descrición lingüística de fenómenos complexos, que contou co financiamento de MINECO e que recentemente finalizou no CiTIUS.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, presentou as melloras sobre a información meteorolóxica por concellos

Este proxecto contou coa participación de catro investigadores da Unidade de Sistemas Intelixentes do Centro, xunto con sete expertos de MeteoGalicia, e consegue presentar un texto equivalente ao que redactaría un meteorólogo á hora de dar conta da predición meteorolóxica de cada concello galego.
Para xerar as predicións en linguaxe natural, GALiWeather emprega datos de predición simbólico-numéricos, coñecemento dos expertos meteorólogos e técnicas de intelixencia artificial que permiten, en primeiro lugar, converter os datos en descricións lingüísticas básicas, codificadas nunha linguaxe intermedia; un proceso posterior converte finalmente estas descricións nunha narrativa en linguaxe natural, expresada en calquera dos idiomas de saída soportados (español ou galego).
A web actual de MeteoGalicia permite a consulta de predicións por concellos, ofrecendo para cada un deles a previsión meteorolóxica a catro días vista, pero só a través de datos numérico-simbólicos, ás veces difíciles de entender e resumir para a maior parte dos usuarios. Esta funcionalidade inclúe información múltiple, como o estado do ceo (nebulosidade e precipitación), vento e temperaturas, polo que a medida que aumentan os datos numérico-simbólicos xorde un inconveniente: a falta de predicións en linguaxe natural que describan estes conxuntos de datos. Sen este tipo de descrición as predicións resultan menos comprensibles, xa que os usuarios necesitan inspeccionar cada símbolo por separado, detectar que fenómenos son relevantes e cando se van a producir. A inclusión de GALiWeather nos sistemas de MeteoGalicia proporcionará esta información de xeito automático, seguindo os criterios dos expertos meteorólogos e de forma comprensible para os usuarios
GALiWeather encádrase nas aplicacións denominadas “de conversión de datos a texto (Data to Text)”, fronte ás cales incorpora innovacións metodolóxicas importantes, como o tratamento de termos imprecisos, de uso moi frecuente na comunicación humana, e a xeración de narrativas globais para todo o período de predición de catro días. Desde o punto de vista meteorolóxico e ambiental, é nova a incorporación de información acerca do Índice de Calidade do Aire.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o reitor da USC, Juan Viaño, presentaron as melloras sobre a información meteorolóxica por concellos

PUBLICIDADE