A web corporativa da Xunta achega este sábado un formato en lectura doada

xoves, 1 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

O espallamento da Sociedade da Información non se reduce aos traballos tecnolóxicos para ampliar cobertura e oferta de acceso ás redes, senón tamén á busca de métodos e formatos que sexan empregábeis por todas e todos. Dito doutro xeito: a fenda dixital tamén se combate con meirande marxe de accesibilidade a atención ás diversidades funcionais ou de aprendizaxe. Con motivo de pór de relevo isto e coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a Xunta vai desenvolver este sábado unha actividade de inclusión e divulgación. Trátase de presentar unha versión en lectura doada da súa páxina corporativa, unha nova feitura da páxina que recollerá un resumo dos contidos máis importantes da semana escritos segundo este sistema de linguaxe.
A iniciativa vén da man da Xunta ao abeiro do traballo conxunto que desenvolve coas asociacións integradas en Down Galicia (como Down Pontevedra ou Teima Down Ferrol) e FADEMGA, colaboración que se materializa (entre outras cousas) na participación directa dos profesionais dos ditos colectivos, que traducirán as novas á versión en lectura fácil. Para entender en que consiste este tipo de acceso ao coñecemento, dicir que está deseñado (precisamente) para favorecer o acceso á información e á compresión das mensaxes escritas por parte de persoas con diversidades intelectuais ou de aprendizaxe. Consiste nun método configurado para crear contornos psicoloxicamente comprensibles para todas e todos, eliminando atrancos para a aprendizaxe e tamén para a participación. “Este método”, informa a Xunta, “emprega unha linguaxe simple e directa, con oracións curtas nas que se propoña unha única idea e achegando textos con estrutura clara e coherente, cun tamaño de letra grande, clara e nidia”. Ademais, trátase de evitar tecnicismos, abreviaturas ou conceptos abstractos; ao tempo que se aposta por ilustracións, fotografías ou gráficos de apoio. A intención do Goberno galego coa súa iniciativa é sumarse ao compromiso de Down Galicia por promover unha igualdade plena no que se refire ao acceso á información e a inclusión dos devanditos colectivos en tódolos eidos da sociedade.

PUBLICIDADE