A web Asymptote, escaparate mundial de novas traducións, pon o foco na poesía galega

venres, 17 de abril do 2020 S. P.

O Consello da Cultura Galega vén de impulsar a presenza nas redes globais dalgunhas das nosas obras poéticas máis representativas. E faino a través do sitio web Asymptote, un dos máis referenciais acubillos de literatura mundial en tradución e, segundo informa o CCG, un “portal de gran prestixio no mundo editorial en inglés”. Neste número de abril, o sitio pon os ollos na literatura galega. Alba Cid e Chus Pato encabezan o Galician Poetry Feature, un dossier que sitúa a nosa cultura “neste escaparate mundial” e que conta co apoio do Consello da Cultura Galega (CCG). A iniciativa coincide cun importante medre da literatura en formato dixital, por mor do confinamento e, tamén, polas importantes cualidade curativas dos libros para contrarrestar a crise sanitaria.
Baixo a etiqueta Galician Poetry Feature, e coa coordinación de Jacob Rogers, o portal Asymptote destaca voces recoñecidas coma Chus Pato, Manuel Rivas ou Luz Pozo Garza, canda a figuras máis novas coma Ismael Ramos, Alba Cid ou Lara Dopazo Ruibal. Segundo informa o CCG, esta escolla ofrece unha mostra ampla de temas, contidos e estilos que mostran a riqueza da poesía galega actual. Ademais da escolma, destaca tamén a tradución dos poemas feita por nomes coñecidos para a literatura galega como Kathleen March, Erin Moure, Jacob Rogers ou Jonathan Dunne.
A escolma de poesía inclúe dezaseis poemas de oito creadores con nove tradutores. Eirín Moire traduce a Chus Pato (The Face of the Quartzes); Jonathan Dunne a Eva Veiga (The Poems); Harriet Cook and Patrick Loughnane a Gonzalo Hermo (Six Poems); Neil Anderson a Ismael Ramos (Firelights); Jacob Rogers a Alba Cid (Atlas); Laura Cesarco Eglin a Lara Dopazo Ruibal (claus and the scorpion); Kathleen March a Luz Pozo Garza (Nine Poems) e Lorna Shaughnessy a Manuel Rivas (Three Poems).
Asymptote
Asymptote é un escaparate mundial de novas traducións literarias que conta con 5 millóns de seguidores. Creouse en 2011 e, catro anos despois, recibiu o Premio Internacional para a Tradución Literaria de Londres do Salón do Libro 2015. Toma o nome da liña punteada nun gráfico que unha función matemática pode tender, pero nunca alcanzar.
Desde a súa creación, o portal deu conta de obras de 121 países e 103 idiomas, todos nunca antes publicados de poesía, ficción, non ficción, drama e entrevistas de escritores e tradutores.

PUBLICIDADE