A web 2.0 forza a cambiar os modelos de medición de audiencias na Internet

venres, 7 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Scott RossScott Ross, director de márketing de produto de Nielsen/Netratings, empresa especializada na medición de audiencias para soporte web comentou nunha entrevista para Computer World que o modelo actual no que se usaba o número de páxinas vistas como elemento de comparación entre páxinas web resulta incompleto para o panorama actual no que existen moitos servizos que fan un uso intensivo de AJAX e, por tanto, xeran máis cargas de páxina para unha mesma visita, de xeito que a chamada web 2.0 estaría a incrementar artificialmente o que ata o momento era un dos estimadores máis habituais para medir o éxito dunha web.
Ross tamén destacou que elementos coma o streaming de vídeo reteñen ó usuario durante moito tempo mentres que xeran pouca actividade a nivel de número de páxinas, polo que as novas tendencias conforma un cóctel moi heteroxéneo que farían que a duración das visitas fose un elemento moi a ter en conta a partir de agora.
A medición de audiencias convértese en todo un reto, de xeito que teñen que desenvolver novas fórmulas que xustifiquen cómo durante case o mesmo tempo un usuario en MySpace xera 10 veces máis páxinas vistas que en YouTube, e o elemento da duración das visitas tamén deberá terse en conta á hora de deseñar a publicidade presente.
De empregarse o tempo coma nova medida de audiencia (complementado polo número de visitas) os ingresos por publicidade dalgunhas webs poderían cambiar radicalmente, xa que o número de impactos pasaría a ponderarse, o que, por exemplo, prexudicaría a Google e beneficiaría a YouTube.

PUBLICIDADE