A viguesa Alén Space, premiada polo seu empuxe innovador

luns, 10 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

Alén Space, empresa galega da que falamos recentemente para reflectir as súas importantes contribucións ao lanzamento do satélite LUME-1 dende Rusia, vén de obter un máis que relevante recoñecemento ao seu labor e á súa proxección futura. Estamos a falar do Premio á accións empresarial máis innovadora ligada á universidade, que concede o xornal Cinco Días e que vén chegar á súa edición número 12. O xurado decidiu entregar á spin-off da UVigo o devandito premio polos seus destacados esforzos en desenvolvemento e fabricación de nanosatélites, pola excelencia da súa tecnoloxía, o seu equipo humano, o seu potencial de mercado e o seu posicionamento.
Segundo nos conta Guillermo Lamelas, director executivo da empresa galega, na decisión do xurado de Cinco Días tamén foi clave “o proceso de rexeneración e transferencia de tecnoloxía desde a Universidade de Vigo a Alén Space e a continua colaboración entre ambas entidades”.
O CEO da empresa tamén recoñeceu que “gañar este premio, ademais dun recoñecemento ao gran traballo realizado ata a data polo noso equipo, e dun caso paradigmático de éxito na relación empresa-universidade, supón unha grande oportunidade para aumentar o coñecemento das enormes posibilidades que os pequenos satélites ofrecen”.
Os nanosatélites Xatcobeo, Humsat-D, Serpens e Lume-1 son os exemplos máis salientábeis da colaboración que ao longo de mais dunha década mantiveron a Universidade de Vigo e Alén Space, agora xa legalmente constituída como unha spin-off da institución académica viguesa.

PUBLICIDADE