A versión virtual do Belén de Begonte recibiu este Nadal 200 visitas diarias
mércores, 26 de xaneiro do 2022
O
Centro Cultural José Domínguez Guizán vén
de dar por rematada a 50ª edición da
iniciativa O
Nadal
en Begonte,
iniciada o pasado 4 de decembro co pregón pronunciado polo bispo de
Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos. En contraste coa
anterior, esta tempada caracterizouse pola presencialidade, en grupos
reducidos, rexistrados a través de Internet
ou por
vía telefónica. Porén a vertente tecnolóxica da iniciativa
mantívose, e de feito conseguíronse 12.500 (algo máis de 200
diarias) visitas á páxina
web do histórico Belén desde diversos puntos do mundo, sendo
maioría os españois e, dentro deles, os galegos. As visitas
presenciais (reducidas
co fin de garantir a seguridade) foron
unhas 14.000 (en dous meses).
A
páxina web do Belén funciona a xeito versión
virtual do mesmo e de
arquivo histórico dixital do nacemento, de feito recolle milleiros
de documentos sobre a historia deste nacemento que está a
piques de cumprir medio cento de anos de andaina.
A
organización da campaña fixo saber “dentro
da complexidade da actual situación sanitaria, o desenvolvemento
deste tempo do Nadal en Begonte foi totalmente normal, gardando
distancias e cumprindo as prescripcións establecidas ao respecto”.
Precisamente esa normalidade no desenvolvemento da campaña
aconsellou non celebrar o habitual acto público de clausura de
actividades e entrega de premios previsto para o último sábado de
xaneiro.
A entrega de premios hase
efectuar de xeito virtual a próxima semana para os certames de Arte
(Oscar Cabana Picado), Xornalismo (Pablo Veiga López-Castelo,
Santiago Rodríguez López, Xoán Neira e Ruth Fernández Fernández)
e Poesía (Baldomero Iglesias Dobarrio, Xosé Otero Canto, Carlos
López Fernández e Xoán Xosé Fernández Abella). Os premios do
Certame de Debuxo sobre o Nadal serán remitidos aos centros onde
cursan os seus estudos os premiados.