A versión definitiva do portátil de 100 dólares xa colle corpo

martes, 28 de agosto do 2007 Matías Olazabal

O proxecto Un portátil por neno do profesor Negroponte xa está a piques de entrar na súa fase final e os encargados de facer realidade o equipo de 100 dólares (menos de 80 euros) veñen de explicar cales son as características da versátil ferramenta destinada a educación dos cativos, que, malia o seu aspecto, non e nin de lonxe un xoguete. Segundo o recollido nun recente artigo da BBC, o portátil para os países en desenvolvemento permite conectarse á Rede, crear documentos de texto, salvar arquivos, participar en vídeo conferencias, todo isto cun procesador de 433 Mhz e cun consumo mínimo de batería, se cadra o requisito fundamental para que o produto final fora operativo.

O primeiro paso para acadar estes obxectivos foi a eliminación do disco duro, o cal “xira de xeito constante” consumindo moita enerxía. En lugar deste, optouse pola incorporación dun chip na placa base do ordenador, no que se poden gardar arquivos, aínda que non se dan detalles da capacidade do mesmo. O segundo dispositivo que esgota a batería dos portátiles e que por tanto tivo que ser modificado é o módem Wi-Fi. Neste caso, equipouse é ferramenta educativa cunha antena sen fíos direccional que funciona coma a das radios FM e que, segundo os enxeñeiros da empresa que fixo realidade o proxecto, evita que o módem se esforce por turrar das conexións febles, como acontece cos portátiles tradicionais. Amais disto, cada portátil actúa de xeito automático como punto de conexión sen fíos, permitindo que unha cadea de equipos poida espallar o sinal dende o punto de conectividade até as zonas máis afastadas dos núcleos urbanos.

Tendo dito todo isto, chagamos até o máis rechamante do trebello: a manivela de recarga manual. Esta manivela lateral permite unha recarga de enerxía dun ratio de 10 a un, é dicir por cada minuto que demos volta a manivela, teremos enerxía para empregar o portátil por un espazo de 10 minutos.

Por último, cómpre salientar que o sistema operativo, baseado en Linux, incluirá un paquete de aplicacións básicas pero eficaces, que abranguería un navegador web e un procesador de textos, os que -segundo os impulsores do proxecto-, reducirían o mínimo a curva de aprendizaxe pola súa intuitividade.

PUBLICIDADE