A vaga de frío satura a web estatal de información meteorolóxica

xoves, 7 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

O mal tempo anunciado para esta semana finalmente chegou (se é que algunha vez se foi dende hai un par de meses), aínda que se cadra aínda teremos que agardar unhas horas para comprobar se neva nas zonas da nosa xeografía onde decote non soen caer folerpas (á hora en que se escribía este artigo, aquelas non daban chegado a Santiago, aínda que si a certas zonas da comarca do Xallas). Sexa como sexa, o seguimento do mal tempo tivo e terá as súas consecuencias nas estradas reais e, tamén, virtuais. Un exemplo disto é o colapso sufrido pola web da Axencia Estatal de Metereoloxía, que virtual e literalmente non puído dar abasto para as peticións de informacións do número de cidadáns que trataron de acceder a ela co fin de obter datos sobre as condicións do clima da súa Comunidade.
O colapso rexistrouse hoxe ao mediodía, coincidindo co desenvolvemento dunha xornada de alertas para toda a Península, incluíndo (no caso galego) nevaradas a partir dos 200 metros de altitude. Porén, a medida que avanzaba a tarde foron solucionados unha boa parte dos atrancos (aínda que non todos, posto que a navegación segue a ser lenta).
Cousa diferente, aínda que hai que ter en conta o menor número de visitas que adoitan a rexistrar, son os servizos galegos habilitados en Internet para dar conta da evolución do tempo e informar dos espazos e actividades de risco e das canles ás que recorrer no caso de que aconteza algún incidente. Estamos a falar das webs meteogalicia.es, que semella estar a pleno rendemento achegando datos sobre o que nos espera os días vindeiros (en liñas xerais moito frío, xeo e neve) e de 112galicia.org, a páxina da Dirección Xeral de Emerxencias que informa arestora da situación meteorolóxica, as incidencias nas nosas estradas e os diferentes seguimentos que os medios de comunicación están a facer deste fenómeno climático adverso.

PUBLICIDADE