A transición da 5G á 6G xunta no centro atlanTTic a expertos de referencia
luns, 16 de setembro do 2024
O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, celebrou este luns 16 de setembro a xornada Do 5G ao 6G: avances, desafíos e oportunidades, na que diversos expertos e expertas debateron arredor da transición da tecnoloxía 5G á futura era 6G.
Os fundamentos e características do 6G, o estado actual da despegadura 5G ou o impacto da Intelixencia Artificial nas futuras redes de comunicacións, foron algunhas das cuestións abordadas na sesión, inaugurada polo director de atlanTTic, Martín Llamas Nistal, que resaltou o compromiso do centro coa investigación e a innovación.
Finalizada a presentación de Martín Llamas, os investigadores de atlanTTic e docentes da Escola de Enxeñaría Telecomunicación, Ana Vázquez Alejos e Felipe Gil Castiñeira, ofreceron unha charla introdutoria e deron paso ás presentacións de varios profesionais en tecnoloxías 5G e 6G, tanto do ámbito académico como do empresarial.
A xornada continuou coa mesa redonda, que estivo moderada por Ana Vázquez Alejos, organizadora da xornada, e na que participaron Carles Antón-Haro, director de Programas europeos e Contratos industriais en CTTC (Centre Tecnològic de Telecomunicacions de Catalunya); Joerg Widmer, profesor e director de investigación en IMDEA Networks España; Alejandro Alonso Portero, experto en Innovación Tecnolóxica e Evolución de Rede de Telefónica; e Germán Martín, application Engineer de Rohde & Schwarz España.
Nas súas intervencións amosaron casos concretos de uso específicos de probas e pilotos relacionados con estas tecnoloxías e coincidiron “nas vantaxes que terá a nova xeración de comunicacións 6G con respecto ao 5G”. Entre eses beneficios, sinalaron, destaca unha menor latencia, de tan só 1 milisegundo, que “permitirá a comunicación en tempo real entre dispositivos e posibilitará a creación de novas aplicacións e servizos; a expansión a novas bandas do espectro e o uso de todas as posíbeis bandas de frecuencia, o aumento de cobertura”.
Tamén resaltaron a inclusión de sensado para aplicacións de localización e seguimento, e unha fiabilidade case perfecta da rede, ao tratarse de sistemas robustos e tolerantes a erros e ataques. Ademais, a tecnoloxía 6G será moito máis eficiente enerxicamente.
Un laboratorio referente en 5G e 6G en Galicia
As comunicacións 5G e 6G constitúen unha das áreas estratéxicas de I+D do centro atlanTTic, un ámbito no que o seu persoal conta cunha longa traxectoria investigadora e unhas infraestruturas de experimentación e desenvolvemento de referencia internacional abertas á comunidade investigadora e ao tecido empresarial en xeral.