A transformación dixital os concellos de menos de 20.000 habitantes progresa grazas á Deputación de Pontevedra
martes, 19 de setembro do 2023
O proxecto de transformación
dixital e modernización dos concellos de menos de 20.000 habitantes
dá un paso adiante na Deputación de Pontevedra, pois a dita
proposta conta cunha axuda de 2,52 millóns de euros dos fondos
NextGenerationEu. Boa proba disto é a xuntanza que a deputada de
Fondos Europeos, María Ramallo, mantiña cos alcaldes e
representantes de 25 concellos con poboación inferior aos 20.000
habitantes para achegarlles información sobre esta iniciativa coa
intención de que se adhiran ao convenio coa Deputación.
Segundo a deputada provincial é “unha grande oportunidade” que
sexa a Deputación quen lidere este proxecto, “de tal xeito que non
implique trámites administrativos” aos concellos de menos de
20.000 habitantes.
Unha vez que os concellos subscriban o acordo de adhesión, os
seguintes pasos deste proxecto, que ten concedida unha prórroga para
o seu desenvolvemento até o vindeiro 30 de abril de 2024, pasan por
formalizar o convenio para proceder a licitar as diferentes liñas de
actuación. A primeira das liñas do proxecto consiste na posta en
marcha dunha plataforma web/app de comunicación e xestión de
incidencias, unha canle de comunicación bidireccional entre a
cidadanía e o concello que permite a participación cidadá, a
difusión de información e a xestión de incidencias. Asemade, a
posta en marcha dun portal de transparencia que permita o acceso á
información orzamentaria de maneira clara e ordenada, con toda a
información sobre os gastos e ingresos do concello, que lle permita
cumprir coa Lei de Transparencia.
A segunda das liñas consistirá no desenvolvemento dun sistema de
xestión de órganos colexiados (videoactas), incluíndo subministro
de equipo e software de emisión, gravación e almacenamento de
reunións con autenticación dos vídeos. Así, os cidadáns poida
seguir en directo ou baixo demanda os plenos do seu concello e as
Secretarías Municipais dispoñan dunha ferramenta para xerar de
maneira automática as actas dos mesmos.
Pola súa banda, a terceira das liñas consiste na posta marcha dun
cadro de mando de indicadores da Axenda Urbana e Obxectivos de
Desenvolvemento Sostible (ODS), que será unha plataforma de axendas
municipais para visualizar, explorar, xestionar e analizar estes
indicadores e os da Axenda Urbana Española (AUE) da provincia para
poder facer un seguimento e trazar plans de mellora.
A cuarta liña consiste na provisión de equipamentos informáticos
intelixentes para facilitar a mobilidade e a produtividade dos
empregados públicos: un de tipo estándar dotado con capacidades
para o desenvolvemento das tarefas ofimáticas máis habituais, e
outro avanzado, de maiores capacidades para o desenvolvemento de
tarefas técnicas que requiran prestacións superiores. Os concellos
interesados poderán solicitar un máximo de 12 dos primeiros equipos
e 2 dos segundos.
Tamén se dotará ao centro de procesamento de datos (CPD) da
Deputación de novos servidores de altas prestacións para poder
achegar servizos centralizados de almacenamento (cloud) aos
concellos, e poder albergar tamén as ferramentas deste proxecto e a
información que se xere. Por último, levarase a cabo a
incorporación á Carpeta Cidadá da Administración Xeral do Estado,
o que permitirá á cidadanía acceder de maneira autenticada á
consulta dos seus expedientes.
p margin-bottom: 0.25cm; line-height: 115% a:link so-language: zxx