A terceira entrega da saga Runaway estrea versión para iOS

luns, 1 de abril do 2013 Marcus Fernández

O pasado xoves estreouse na App Store a versión para iOS do xogo de Péndulo Studios Runaway: A Twist of Fate, que chega nunha primeira a un prezo de 4,49 euros, confirmando que as aventuras point and click que tanto éxito tiveron hai anos en ordenadores persoais poden atopar en dispositivos táctiles unha plataforma ideal para a súa explotación comercial.
Esta aventura escura, pero con moitos toques de humor, é unha evolución da serie Runaway, na que o personaxe feminino Gina cobra un grande protagonismo, de xeito que durante o xogo alternarase entre tal figura e a do seu compañeiro, Brian, quen finxe a súa morte para librarse dunha falsa acusación de asasinato.
Runaway: A Twist of Fate incorpora un novo motor gráfico de alta resolución e para que non resulte extremadamente difícil, conta con indicacións que poden guiar nos momentos máis delicados, sen chegar a estragar o reto de superar os 200 enigmas e quebracabezas presentes no xogo.
O xogo chega en inglés, francés, alemán, italiano e español, e para funcionar precisa como mínimo dun iPad 2, un iPhone 4 ou un iPod Touch de 5ª xeración.


Trailer do xogo para iOS

O xogo adaptou a súa interface para dispositivos táctiles

PUBLICIDADE