A tenda de FX achega O Rei Arturo por 2,95 euros

venres, 13 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

FX Interactive non cede un centímetro na súa teima de achegar videoxogos de calidade a un prezo inmellorábel, cousa moi de agradecer nestes tempos. Máis ben o contrario: a través da tenda FX Classics Store vén de pór á venda O Rei Arturo por só 2,95 euros, unha oferta exclusiva cun 80% de desconto sobre a edición internacional do xogo. A maiores, a empresa permite a descarga, para que tódolos seareiros “se animen a probar a nova tenda en liña, ate o 31 de agosto”, de Imperivm Civitas, totalmente de balde.
Volvendo ao Rei Arturo dicir que, como se indica no seu título, céntrase na recreación da lenda artúrica, da historia da mítica espada de Uther Pendragon e da relación entre Arturo, lexítimo herdeiro de Britania, e Merlín, o mago que contribuíu a que este subise ao trono. Segundo apunta FX, o xogo é moito máis que un xogo de estratexia: é sobre todo un concepto innovador que combina estratexia, rol e maxia “como nunca antes se fixo”. O xogo en cuestión, loado pola crítica especializada como “unha espléndida mestura de xéneros que ofrece mil razóns para pasalo en grande”, ten sitio de seu, para quen queira ampliar información, en Facebook, Twitter e máis en YouTube. Inclúe, como de costume nas achegas de FX, instrucións e narración en español, manual a cor que serve de guía pormenorizada, códigos secretos para acadar a vitoria e diario de desenvolvedores (co creador do xogo amosando o innovador concepto de xogo en tres vídeos).

PUBLICIDADE