A televisión do futuro chega a Francia da man de Televés

martes, 2 de febreiro do 2010 Raquel Noya

Despois de nove meses de xira, máis de 30.000 kilómetros percorridos, cen cidades visitadas en catro países e máis de 2.000 visitantes, o tour HDTV de Televés está a piques de facer a súa última parada en Francia.
A aula móbil deseñada específicamente para achegarlle aos técnicos e instaladores europeos as claves tecnolóxicas da televisión de alta definición (HDTV), aparcará no país veciño mañá mércores, día 3 de febreiro, en Perpiñán, para continuar o percorrido por outras dez cidades ao longo de todo o mes de febreiro.
En cada localidade, o Tour HDTV demostrará, entre outras cousas, como captar o sinal de alta definición dende o satélite, como medir os seus diferentes parámetros, e como procesala para que chegue en perfectas condicións á pantalla, explotando así ao cen por cen a excepcional calidade de imaxe e son que ofrece esta tecnoloxía.
Estas demostracións técnicas realizaranse con equipos desenvolvidos e comercializados exclusivamente pola compañía galega, como a antena DAT HD BOSS, que incorpora tecnoloxía intelixente; o medidor de campo H45, o primeiro da súa clase en incorporar o procesado dixital, ou os módulos T05, cos que se pode configurar todo tipo de cabeceiras con tecnoloxía especificamente desenvolvida para a HDTV.
As persoas responsables do Tour HDTV de Televés, que xa percorreron España, Portugal, Reino Unido e Irlanda, agardan que a visita a Francia teña a mesma acollida que tivo alén das nosas fronteiras por parte de técnicos, instaladores e distribuidores do país, que terán a oportunidade única de coñecer de primeira man as posibilidades que ofrece a alta definición.
A xira, que pode ser seguida paso a paso polos internautas a través do seu sitio oficial, permite a participación activa do público e ratifica a aposta da compañía pola alta definición como o formato da televisión do futuro.
Despois de Perpiñán, a aula móbil de Televés botará áncoras en Aviñón, Lyon, Mulhouse, Nancy, París, Lille, Caen, Nantes e Burdeos.

PUBLICIDADE