A tecnoloxía galega Coinscrap estará a disposición dos clientes de EVO Banco

venres, 21 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

Os responsábeis da tecnoloxía galega Coinscrap, aplicación que nos permite redondear as nosas compras con cartón de crédito ou débito pasando a diferenza entre a compra e o redondeo a unha conta de aforro, veñen de pechar un acordo con EVO Banco para ofrecer aos clientes desta entidade as vantaxes da ferramenta en materia de aforros, aplicábel non só ás compras senón tamén aos cargos por recibos ou transferencias bancarias. A finalidade de EVO Banco é incorporar á súa banca móbil unha hucha dixital próxima ao usuario e doada de empregar, digna de confianza e, tamén, automatizada.
Segundo reflicte a Tecnópole, sede da empresa galega Coinscrap, a incorporación desta tecnoloxía á contorna dixital de EVO Banco abordarase no primeiro trimestre de 2019 e permitirá aos clientes conectar tanto os cartóns e contas bancarias de EVO como do 99% de bancos españois.
O diñeiro aforrado terá dúas vertentes: o que se aforre a curto prazo transferirase de forma automática a un seguro de vida-aforro ofrecido pola entidade aseguradora Caser, mentres que o que se economice a medio e longo prazo destinarase ao Plan de Investimento Intelixente EVO. A integración deste servizo levarase a cabo con técnicas de gamificación, ou sexa, cunha metodoloxía propia dos videoxogos, cuxa eficacia está máis que probada para a introdución de novos servizos ou recursos tecnolóxicos no seo dunha empresa.

PUBLICIDADE