A tecnoloxía WIMy de localización sen cobertura busca apoios en Indiegogo
mércores, 18 de febreiro do 2015
Unha startup de
Bilbao, de nome Appkideak, vén de lanzar a que sería a primeira
tecnoloxía bluetooth tracker do ámbito estatal que é quen
de indicar a nosa localización sen necesidade de cobertura. A
tecnoloxía WIMy de Appkideak consiste nun dispositivo de tamaño
moi miúdo (ocupa pouco máis ca unha moeda) que se vencella a noso
dispositivo e que podemos configurar a través dunha aplicación
dispoñible en datas vindeiras para iOS e Android. Segundo informa a
empresa vasca, o pulo a WIMy compleméntase cunha campaña de
crowdfounding (micromecenado nas plataformas en liña) na
páxina Indiegogo para empezar a comercializar o sistema. Este,
subliñan, ten o valor diferencial de permitirnos estar conectados
aos nosos obxectos ou seres queridos, de xeito permanente, e co fin
de evitarmos perdelos ou de atopalos máis decontado.
Ademais, a tecnoloxía en
cuestión avísanos cando nos afastamos dun obxecto ou persoa querida
e, en caso de extravío, “é o único sistema da súa categoría
ata a data capaz de indicarnos a dirección na que se atopa”,
explican os seus desenvolvedores, que concretan que a tecnoloxía
utilizada permite que WIMy funcione en situacións sen cobertura, nun
rango de ata 50-60 metros. “Ademais”, din, “consume moi pouca
batería e a pila de botón é facilmente substituible”. Este
sistema está dirixido, sobre todo, a pais novos con fillos pequenos;
donos de mascotas; grupos de escolares, etc. Tamén pode ser de gran
utilidade en centros comerciais, parques e demais espazos públicos,
engaden.
Para empezar a
comercializar WIMy, AppKideak lanzou unha campaña de prevenda no
portal Indiegogo no que se poderá adquirir WIMy a “prezos
especiais”, desde 25 euros as primeiras 100 unidades. Para o resto
da campaña, poderase adquirir WIMy a 30 euros por unidade.
Posteriormente, o prezo de venda ao público será de 35.