A técnica do crowdfunding, polo miúdo na recta final do curso de redes sociais de Voluntariado Dixital

martes, 25 de xuño do 2013 Redacción

Dun tempo a esta parte fálase moito de iniciativas postas en marcha co apoio do crowdfunding, a través da Rede. Para quen non o saiba, trátase de botar man das comunidades en liña para achegar, en clave colectiva, un financiamento que doutro xeito, polas vías tradicionais e con investidores de a pé, non sería posíbel. Trátase para moitos dun dos grandes inventos da Rede presente, que non é outra cousa que a refundación e reactualización da vella técnica de pedirlle axuda aos veciños para unha actividade concreta. Co fin de botar máis luz sobre isto e sobre as súas aplicacións solidarias, o curso Redes sociais e comunicación 2.0 péchase estes 27 e 28 de xuño cun programa formativo de dúas xornadas sobre o crowdfunding.
As xornadas, organizadas polo programa de Voluntariado Dixital da Xunta, son gratuítas e pódese participar en modalidade presencial no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) en Santiago de Compostela ou ben a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de Ames, Betanzos, Ortigueira, Fisterra, A Coruña, Celanova, A Cañiza e Vigo. Ademais, poderá seguirse a través do Twitter co hashtag #socialmaisTIC. Os interesados en participar poderán formalizar a súa inscrición ata o día 26 de xuño.
Na xornada do día 27 de xuño, a directora de Xestión Estratéxica da Plataforma Goteo, Susana García, explicará a traxectoria e os obxectivos desta rede social creada para co-financiar e colaborar con proxectos innovadores que fomentan o procomún. A experiencia galega neste eido virá da man de Sandra López, responsable de Proximidade Local de Cruz Vermella, que contará como está a evolucionar Agora + que Nunca, a plataforma de crowdfunding desta ONG. O día 28 o consultor TIC para organizacións non lucrativas e autor do blog TecnolONGia.org afondará nas chaves do financiamento a través da devandita metodoloxía en liña. Para rematar a xornada os asistentes coñecerán a experiencia de Pablo Nimio Liboreiro no emprego da dita filosofía de financiamento no proxecto cultural Falta Fai.

PUBLICIDADE